A Xunta inicia o plan de despregue da TDT na área técnica de Santiago

O calendario de acendidos arrincará, así, coas estacións de Orrea (A Golada), Rodeiro, Barazón (Santiso), Furelos (Melide) e Bascuas (Vila de Cruces), as que se lle irán sumando outras co fin de igualar a cobertura dixital da TDT de todas as canles, públicas e privadas, nacionais e autonómicas, na área técnica de Santiago. O obxectivo final busca a universalización da TDT dentro dos novos prazos previstos.
Cofinanciado entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, os equipos empregados contan con tecnoloxía exclusivamente galega, sendo tamén galegas as empresas instaladoras.
Actuacións previas
Para poder dar cumprimento a este Plan de Despregue da TDT na Área Técnica de Santiago, o secretario xeral de Medios explicou que durante os últimos meses o seu departamento levou a cabo intensas xestións. Así, nun primeiro momento, o Plan de Choque contra a crise, aprobado en xullo, permitiu presupostar a inversión, ao tempo que houbo que renegociar co Estado a ampliación de prazos xa vencidos para a Fase I, que debía estar rematada o 30 de xuño.
Ademais, procedeuse a comunicar a todos os concellos afectados da área técnica, así como á Deputación provincial, as actuacións necesarias en cada un deles solicitando a súa colaboración. Foi preciso tamén coordinar as actuacións dos concellos cos técnicos da Xunta e as empresas instaladoras para a mellora das infraestruturas.
A Secretaría Xeral de Medios da Xunta iniciou tamén nestes meses a coordinación co Ministerio de Industria no establecemento do Plan de Comunicación de Proximidade para os concellos afectados.
E para acadar a meta de que ninguén quede sen TDT, a Xunta traballa tamén no establecemento da TDT por satélite, con vistas a cubrir aquelas zoas ás que non cheguen as emisións polo procedemento normal.
Por último, o secretario xeral de Medios lembrou que a Xunta mantén o prazo da primeira quincena de xaneiro para os apagamentos analóxicos da Fase I (Ourense Leste e Santiago) e gran parte da Fase II (Ares-Meda). Para o 3 de abril estará todo rematado coa finalización do resto da Fase II e a Fase III (Páramo-Domaio).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia