Skip to main content

Entregados os galardóns de Admiradores da Muralla na presentación do último número da Revista Oral Ronda

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, recibiu o título de Admiradora da Muralla que lle concedeu a Asociación de Amigos da Muralla. A delegada manifestou a súa honra por ter sido seleccionada para esta distinción, que recoñece o interese e o traballo que distintas persoas ou colectivos levan a cabo a prol do Monumento lucense por excelencia.

Na súa intervención, Arias referiuse precisamente ao caracter identificador que a Muralla ten para a cidade e incluso a provincia de Lugo. “Ten vida propia –afirmou- e un papel propio na historia, e as súas imaxes viaxan polo mundo dando fe de que na vella Gallaecia os romanos valoraron de tal xeito unha cidade que fixeron para gardala o anel máis fermoso e máis monumental destas terras da fin de mundo antigo”.

A delegada fixo fincapé no valor que a Muralla ten para a cidade, de xeito que co paso dos séculos mudaron os papeis, e a muralla que nacera “para protexer, abrigar, rodear, cinguir o Lugo histórico” vese hoxe “protexida e abrigada” por toda a cidadanía.

O continente –a Muralla- e o contido –a cidade- quedaron de tal xeito fusionadas “que esta obra tan magnífica non só quedou incorporada ao conxunto da cidade, senón que pasou a ser a súa imaxe, a súa representación, a súa xoia”, engadiu Raquel Arias.

Para rematar. Arias incidiu en que “Lugo non se entendería sen este monumento” e destacou o impacto que a súa primeira contemplación provoca no forasteiro. Neste sentido, lembrou o seu propio descubrimento da Muralla sendo nena: “Era entón enorme, voluminosa, monumental, maxestuosa... e ségueo a ser”, asegurou.

O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, participou na presentación, ante os medios de comunicación, do último número da Revista Oral Ronda que edita dende hai nove anos a Asociación de Amigos da Muralla logo da proclamación deste monumento como Patrimonio da Humanidade. O nacionalista colaborou neste número co texto “A miña visión da Muralla de Lugo”. A delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, o ex delegado provincial da Consellería de Cultura en Lugo, Xoán Xosé Molina, o artista Juan Manuel Pardo Valdés, e o escritor e xornalista Xulio Xiz, quen abriu e presentou o acto, tamén participaron nesta iniciativa presentando cadanseu texto. No transcurso do acto, que tivo lugar na sede lucense da Fundación Caixa Galicia, o presidente da asociación organizadora e director da publicación, Alfredo Sánchez Carro, entregoulles aos catro colaboradores o título de “Admiradores da Muralla”.

Ao remate da presentación da revista Ronda procedeuse á entrega dos galardóns aos tres gañadores do IX Concurso de Ornamentación da Ronda Interior da Muralla Romana de Lugo. A Asociación de Amigos da Muralla de Lugo impulsa este certame co obxecto de mellorar o aspecto da zona que circunda a parte inferior deste monumento Patrimonio da Humanidade. Un bo número de propietarios e/ou usuarios dos espazos colindantes á Muralla Romana participaron neste concurso presentando varias fotografías dun espazo ou edificación antes e despois dos traballos de adecuación e ornamentación realizados nos mesmos.Os gañadores do primeiro, segundo e terceiro premio recibiron un diploma e un cheque por valor de 3.005, 1.803 e 1.202 euros respectivamente.


Delegación Territorial de la Xunta de Galicia en Lugo + Vítor Otero (xefe de Gabinete da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo)