Skip to main content

María Bouzas e Xavier Villaverde reciben os premios Chano Piñeiro

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reiterou a aposta do Executivo autonómico por un sector audiovisual galego “máis forte e competitivo” que contribúa ao desenvolvemento cultural e económico da comunidade, que afronte os novos desafíos e encare o futuro “con ilusión e imaxinación”. Así o subliñou esta noite, durante o acto de entrega dos premios Chano Piñeiro, que nesta ocasión recaeron na actriz María Bouzas, no director e realizador Xavier Villaverde e que tamén recoñeceron a traxectoria de dous persoeiros xa ausentes: José Luis Cabo Villaverde e o cineasta Carlos Velo Cobelas.

Na súa intervención, o mandatario autonómico lembrou que desde a aprobación, hai xa unha década, da Lei do Audiovisual de Galicia, se ten avanzado moito neste ámbito, “pese a quedar tamén moito por facer”. Referiuse, nesta liña a que o sector audiovisual hai tempo que vén reclamando un organismo único que coordine as políticas institucionais que lles afectan. “E niso estamos”, aseverou Feijóo avanzando que haberá un “organismo único para posibilitar liñas de actuación e políticas concretas e que así se dará a coñecer no prazo máis breve posible”, en canto se solvente a complexidade administrativa que todo proceso deste tipo leva acompañado.

“A mencionada Lei do Audiovisual xa contemplaba a creación dun organismo único, transversal, coordinador de actuacións e intereses que na propia lei ten o nome do Consorcio Audiovisual de Galicia, en activo desde 2003 e a pleno rendemento”, explicou o presidente da Xunta. Incidiu, non obstante, en que “haberá que reestruturalo e potencialo”. “Pero queremos facelo ben, sen présas, para atinar co mellor nun sector que está a dar moitos e bos froitos para a estima e satisfacción de todos os galegos”, argumentou.

Outras iniciativas de potenciación do audiovisual

O presidente galego incidiu, ademais, nas iniciativas postas en marcha pola Xunta, como as axudas á produción ou a promoción das primeiras axudas á comercialización audiovisual, a través do Consorcio Audiovisual de Galicia, unha institución, dixo, “que non deixou de facer xestión como tampouco o centro Galego de Artes da Imaxe, do que promovemos unha descentralización gradual das súas actividades”.

Do mesmo xeito, resaltou o papel da Televisión de Galicia como primeiro “motor do audiovisual galego”, co compromiso engadido, sinalou, “de exercer como a gran dinamizadora dos produtos galegos diante da audiencia do país e máis para a audiencia exterior a través da TDT”.

Premios Chano Piñeiro

Feijóo destacou que os premios Chano Piñeiro constitúen un recoñecemento institucional aos profesionais que fan posible que o audiovisual galego “xa teña oco propio no mercado español” e lembrou que levan precisamente o nome “de quen hai agora vinte anos, xunto a outros directores que compartían o mesmo soño, lograron poñer na pantalla grande tres películas que xa están na historia da nosa cultura: Continental, Sempre Xonxa e Urxa.

“Os directores, os seus produtores, os actores, os técnicos e os xestores institucionais que naqueles intres foron solidarios desde a Xunta de Galicia na aventura do cine galego están ben representados na figura de Chano Piñeiro”, engadiu Feijóo sinalando que cos premios de honra concedidos esta noite se quere recoñecer “a quen hoxe non está entre nós, pero de quen nos queda a súa memoria, a súa obra e a súa traxectoria”.

Así, a Carlos Velo Cobelas, a quen lle foi concedido o premio con motivo do centenario do seu nacemento por ter sido un referente no desenvolvemento histórico do xénero documental, o presidente da Xunta cualificouno como “gran mestre do documental, intelectual e galeguista” que “deu sona e prestixio ao cine español nos pretéritos tempos da República, ademais de escribir páxinas de gloria no cine mexicano durante medio século, sempre coa proa posta cara a Galicia”.

De José Luis Cabo Villaverde, finado no ano presente e vinculado a múltiples facetas das artes visuais, Feijóo destacou o seu traballo como historiador da imaxe e editor, e lembrou que foi un “valorado experto en fotografía e un eficaz xestor” durante os anos que estivo á fronte do Centro Galego de Artes da Imaxe.

“Pero os premios Chano Piñeiro 2009 tamén recoñecen a dous destacados representantes do moi respectable gremio dos actores e máis dos creadores audiovisuais”, explicou o presidente da Xunta referíndose a María Bouzas e a Xavier Villaverde.

Da primeira, salientou a súa “variada e nutrida filmografía” como parte dunha traxectoria que se complementa coa televisión e co teatro. “Por primeira vez os premios Chano Piñeiro recoñecen unha muller que ao tempo representa simbolicamente a moitas outras grandes actrices galegas que están a deixar o mellor da súa arte e do seu oficio diante das cámaras ou sobre un escenario”, asegurou.

De Xavier Villaverde, Feijóo destacou que é un director e un realizador que é, ao tempo, “memoria activa e vital do audiovisual galego desde os seus comezos nos anos setenta ata a actualidade”, cando se dispón a rodar a súa cuarta longametraxe de ficción, nunha traxectoria que comezou co filme Continental xunto a Chano Piñeiro, e que, xunto cos demais directores, hai dúas décadas abriron o cine galego á pantalla grande.

“O nome de Xavier Villaverde tráeme o de Pancho Casal e quixera con esta lembranza recoñecer tamén o traballo de todos os produtores, desde aqueles que abriron o camiño hai vinte anos ata os novos que traen tamén novas enerxías e vitalidade”, sinalou Feijóo, quen quixo facer extensivo este recoñecemento a todos os axentes implicados na produción audiovisual galega, así como ás asociacións do sector.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia