Skip to main content

O CGAI inicia con Forty Guns (1957) o ciclo adicado ao estadounidense Samuel Fuller

O Centro Galego da Artes da Imaxe comeza o ciclo dedicado ao cineasta estadounidense Samuel Fuller coa proxeción da súa obra Forty Guns, do 1957. O filme compendia os recursos expresivos do cine de Fuller: angulacións de cámara que xerarquizan aos personaxes, desenfoques expresivos, mirada subxectiva, panorámicas e travellings; representa unha estimulante revisión dos mecanismos xenéricos tradicionais; e permite ao director, influído polo seu mestre John Ford, reescribir a iconografía, personaxes e espazos.

Barroco, expresivo, desmitificatorio, libre, locuaz, cheo de audacia visual e pletórico de pulso narrativo, Samuel Fuller (1912-1997) comeza a súa traxectoria como director en 1949 con Balas vengadoras (1949), un filme onde a elección do tema (o asasinato do célebre pistoleiro Jesse James) e o punto de vista (a perspectiva do seu asasino, Bob Ford) xa prefiguran o carácter insólito e a procura de relatos atípicos que marcan a súa carreira, un percorrido que remata corenta anos despois con Calle sin retorno (1989).

Máis de dez anos despois da súa morte, Fuller permanece como un cineasta de primeira orde, un narrador nato dono dunha produtiva imaxinación que incluso o levaría a asesorar a xentes como Bogdanovich ou Wenders, ou influír en importantes directores (de Godard a Scorsese e Tarantino).

Creador de set pièces memorables en todas as súas películas, dialoguista xenial, Fuller xunta palabra e sentido da imaxe a través de 23 títulos, westerns, filmes bélicos, policiais, algúns deles tan coñecidos como Manos peligrosas (1953), Yuma (1957), Corredor sin retorno (1963), Una luz en el hampa (1964) e Uno Rojo, división de choque (1980) e outros, menos coñecidos, pero inscritos na historia do cinema como The Crimson Kimono (1959), Underworld USA (1960) ou Perro blanco (1981), o incisivo e antirracista relato que fixo, froito da incomprensión cara á súa obra, que abandonase os Estados Unidos e lles dese forma aos seus últimos traballos en Europa.

O CGAI proxecta Forty Guns o venres 8 de xaneiro ás 20,30 horas, e o martes 12, tamén ás 20,30 horas. O ciclo dedicado a Samuel Fuller continúa os días 22 e 23 de xaneiro, coa proxección da película Verboten! (1958), e se prolonga os vindeiros meses.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia