Skip to main content

O apagón analóxico en Ourense-Leste, Santiago, Meda e Ares empeza o luns, 18

O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro Durán, solicitou a comparecencia urxente na Comisión 1ª Institucional, da Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento galego para informar sobre o proceso de apagado analóxico e acendido dixital que se inicia o luns, 18 de xaneiro e que estará rematado o 3 de abril.

O secretario xeral de Medios solicita esta comparecencia a petición propia unha vez que a Xunta de Galicia e o Goberno central teñen ultimado as datas do apagamento analóxico.

Alfonso Cabaleiro Durán xa compareceu, tamén a petición propia, no Parlamento galego para informar de todo este proceso de dixitalización o pasado mes de xuño. Durante estes meses producíronse distintos contactos e xuntanzas con alcaldes e representantes dos distintos grupos políticos para informalos deste proceso de transición á TDT.

Así mesmo, o vindeiro venres, día 15, pola mañá, o secretario xeral de Medios ofrecerá unha rolda de prensa para explicarlle aos medios de comunicación todos os aspectos deste proceso de apagado analóxico.

O luns, 18 de xaneiro, comezará a aplicarse en Galicia o apagón analóxico e o conseguinte acendido da televisión dixital das fases I (Ourense- Leste e Santiago) e II (Meda e Ares) que beneficiará, fundamentalmente, a concellos das provincias da Coruña e Ourense, aínda que tamén a algúns municipios das provincias de Lugo e Pontevedra.

Este primeiro proceso de acendido dixital farase, de xeito gradual, desde o vindeiro luns, 18 de xaneiro, ata o 1 de febreiro. Máis adiante, continuarase co acendido das zonas do Páramo e Domaio, correspondentes á fase III, que beneficiará aos concellos de Pontevedra e Lugo, aínda que tamén a algúns municipios das provincias da Coruña e Pontevedra. Deste xeito, o 3 de abril prevese que estea totalmente rematado este proceso de acendido dixital.

Comezarán o día 18 de xaneiro nos centros da Gudiña, Monterrei, Verín, Viana do Bolo (correspondentes á área técnica de Ourense-Leste), Lalín, Lousame, Montouto, Porto do Son, Santiago-San Marcos, Silleda, Teo e Vila de Cruces (correspondentes á área técnica de Santiago), e rematarán o 1 de febreiro nos centros de Catoira, Noia, Santiago-Pedroso, Santiago II, Vedra (correspondentes á área técnica de Santiago), Ares, Arou, Cabanas, Cariño-Ortigueira, Cerdido, Doniños, Ortigueira, Penamoa, Vimianzo, Xaviña (área técnica de Ares), Almorfe, Arnoia, Avión, Chandrexa, Crecente, Leiro, Lobios, Meda, Nogueira de Ramuín, Ourense, Pantón, Pontevedra, Sobradelo e Xunqueira de Espadañedo (pertencentes á área técnica de Meda).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia