Skip to main content

A Deputación de Ourense presenta tamTaMVai, a nova rede tecnolóxica para o rural

O presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, e o técnico de proceso de datos da Deputación, Marcos Valiño, presentaron no Centro Cultural da Deputación a rede de servizos de novas tecnoloxías para o rural “tamTaMVai”, que ten como obxectivo posibilitar o desenvolvemento e o acceso á Sociedade da Información na contorna rural evitando con iso unha posible fractura social e eliminado as barreiras socioculturais e demográficas existentes na actualidade ou futuras. A rede tamTAMvai foi concibida como un proxecto ambicioso e moderno que conta coa súa propia imaxe de marca que busca unha plena identificación da contorna rural coas novas tecnoloxías.

tamTAMvai nace coa redefinición dos 88 telecentros que a Deputación Provincial de Ourense implantara ao longo da provincia. Reconvertéronse en Oficinas Electrónicas da Deputación, denomináronse tamTAM e integráronse nunha rede privada virtual xestionada e explotada pola propia Deputación.

Actualmente o obxectivo da rede é máis ambicioso e pretende ofrecerlles aos cidadáns da contorna rural todo tipo de servizos telemáticos, achegando todo o potencial das novas tecnoloxías a calquera punto da provincia. Na actualidade xa están operativos ou están en fase de desenvolvemento servizos como: Pagos electrónicos, Administración Electrónica, Teleformación, Alfabetización dixital, Extensión da banda ancha e Soporte técnico.

José Luis Baltar dixo na presentación da rede de servizos para o rural que a fenda dixital “é un perigo serio no medio rural, onde o acceso a Internet e novas tecnoloxías é realmente difícil, pois non é doado atopar servizos telefónicos que oferten a prezos razoables liñas de banda ancha coas que acceder á rede e poder dispor de servizos coma correo electrónico, redes sociais, chats, acceso a páxinas webs, acceso á administración electrónica e DNI electrónico. A Deputación deuse conta desta situación e por elo vimos desenvolvendo varios programas que teñen como obxectivo rachar esas diferenzas ou, no seu caso, minimizalas todo o posible”.

Unha destas iniciativas foi o desenvolvemento dun programa con financiamento europeo para facer chegar Internet aos cidadáns do medio rural en medio cento de concellos, en colaboración coa empresa Iberbanda, adxudicataria do concurso convocado ao respecto para a implantación desta rede de banda ancha. O que hoxe se presentou é un proxecto complementario. No anterior, cada cidadáns ten o seu ordenador, os seus recursos e o que lle facilita a Deputación é a posibilidade de ter banda ancha, facilítaselle a rede. Este segundo proxecto do TamTAMVai ten un carácter máis social. “Facilitámosllo todo, e xa non é necesario que o cidadán teña o seu propio ordenador, senón que pomos á súa disposición tódolos medios técnicos: ofrecémoslle ordenador, impresora, banda ancha e tódolos servizos aos que pode acceder dende un Terminal conectado a unha rede”, explicou José Luis Baltar.

Esta infraestrutura disponse nuns locais públicos onde hai dunha media de 6 ordenadores pesoais, o que sumado a que este servizo funciona en 88 concellos, supón unha oferta de máis de 530 ordenadores públicos, neste programa da Deputación, que se desenvolve con axudas do ministerio de Industria. “O labor agora, tanto noso coma dos concellos, e dar a coñecer este servizo, difundilo entre a poboación, sobre todo entre os máis novos, que son os que máis demandan este servizo e contribuír a igualar os servizos e os recursos entre o medio rural e urbano”, dixo José Luis Baltar.

Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Ourense