Skip to main content

O cineasta norteamericano Jem Cohen imparte unha master class no CGAI

O cineasta estadounidense Jem Cohen imparte, o xoves 18 de febreiro, unha Master Class no Centro Galego de Artes da Imaxe (rúa Durán Loriga, 10 baixo, A Coruña). Dita clase, que terá unha duración de dúas horas comezando ás cinco da tarde, coincide co ciclo que se dedica a esta figura ao longo dos meses de febreiro e marzo de 2010, e se desenvolverá no Auditorio da Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande, 21-24), sendo a entrada libre, previa inscrición.

Jem Cohen abordará o tema do documental como unha forza lírica, demostrando e argumentando a maneira en que a información do mundo actual se pode converter na base para películas que están na encrucillada dos xéneros documental, narrativo e experimental. O enfoque de Cohen con respecto ao documental anima a romper coas limitacións tradicionais a través dunha serie de preguntas: os filmes políticos deben adoptar formas radicais?; pode unha película ser un tipo de música?; cal é o papel do documental fóra da corrente principal do cine, pode ser ao tempo accesible e subversivo?

A clase estruturarase como un debate ilustrado, empregando curtas e extractos das películas urbanas de Cohen e filmes musicais, incluíndo NYC Weights and Measures , Instrument (Fugazi) e a recente curta, Night Scene New York .

A figura de Cohen

Estadounidense nado en Cabul (Afganistán) en 1962, Jem Cohen comeza a filmar en formatos subestándar a principios dos anos oitenta do secúlo pasado. A súa forma de traballo rapidamente o achega ao campo do vídeo musical, onde se converte no director ou parte importante das mellores pezas visuais de formacións e artistas como REM, Sonic Youth, Fugazi e Patti Smith.

Crecido en Washington pero criado culturalmente nas rúas de Nova York, Cohen practica un cine underground en espírito, formas e medios, capaz de combinar a textura do Súper 8 e o 16 mm co ruído do vídeo, dixital ou analóxico, nunha obra de clara inspiración independente. Documentais, travelogues, ensaios e vídeos musicais (que non videoclips) mestúranse nunha obra tan fotográfica como musical e política, auténtica rebeldía punk levada ao cine.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia