Skip to main content

Anúnciase un proxecto de lei de publicidade institucional

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, explicou no Parlamento que o Goberno galego vai abordar neste mandato a reforma da Lei da Compañía de Radio e Televisión de Galicia e da Lei do Audiovisual e anunciou ademais que na primeira metade da lexislatura presentará un proxecto de Lei de Publicidade e Comunicación Institucional.

En resposta a unha interpelación parlamentaria, Rueda destacou o compromiso da Xunta no impulso duns medios públicos de comunicación ao servizo de todos os galegos, que sexan sinónimo de transparencia, independencia, modernidade e solvencia e subliñou que, no actual contexto de profunda transformación que está a vivir o audiovisual, é preciso darlle unha resposta no plano normativo.

Nese sentido, referiuse en primeiro lugar á reforma da Lei da CRTVG, en cuxa elaboración garantiu que o Goberno buscará a participación e o consenso dos distintos sectores implicados. “É evidente que hai marxe para poder mellorar o actual marco normativo que rexe a CRTVG”, subliñou o conselleiro, que apostou por levar a cabo unha actualización da norma, que xa fóra comprometida polo anterior Goberno pero que non se levou a cabo nos últimos catro anos.

Segundo explicou Rueda, a Xunta está agora a preparar o proxecto de reforma e adiantou que se baseará en tres grandes eixes: impulsar un verdadeiro cambio estrutural da compañía; perfeccionar os mecanismos de garantía da neutralidade e independencia no exercicio profesional dos medios públicos de comunicación; e garantir a viabilidade e suficiencia financeira dos medios públicos de comunicación galegos.

En paralelo, o Goberno galego traballa tamén no impulso doutros dous proxectos lexislativos: unha lei de Publicidade e Comunicación Institucional e unha nova Lei Audiovisual Galega. Respecto a esta última, Rueda considerou preciso actualizala para adaptala aos novos requirimentos dun escenario en cambio permanente e tamén ao marco normativo do Estado que se está a tramitar.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia