Skip to main content

O CGAI promove o seminario Galicia en No-Do do documentos de 1942 a 1981

Dada a cesión por parte do Ministerio de Cultura de copia dixital das imaxes referentes a Galicia emanadas polo NO-DO (Noticiarios y Documentales Cinematográficos) ao Centro Galego de Artes da Imaxe, e a posterior concesión dunha axuda por parte da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería e Industria da Xunta de Galicia ao Proxecto de Investigación “Galicia en NO-DO: Comunicación, cultura e sociedade (1942-1981)”, que leva a cabo un equipo interdisciplinar dependente do Departamento de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, este Seminario pretende facilitarlles aos alumnos universitarios e a todos os interesados no audiovisual de Galicia unha aproximación tan sucinta como rigorosa á traxectoria histórica do noticiario cinematográfico creado polo Réxime franquista.

Pese a non eludir o seu carácter “nacional” e eminente (pero moi peculiarmente) informativo-propagandístico, o Seminario centra a súa atención non só na análise do discurso sobre Galicia construído desde esta poderosa plataforma audiovisual, senón tamén en advertir sobre a potencial riqueza historiográfica e antropolóxica que, pacientemente e por medio dos mecanismos analíticos adecuados, se pode extraer desas imperturbables pegadas de real acochadas moitas veces no fondo dos planos dos eventos presididos polo xeneral Franco durante os seus veraneos coruñeses, pero tamén nas fugaces imaxes das xentes anónimas rexistradas para sempre, como marcas do pasado, nesas anecdóticas e intrascendentes “noticias” coas que o Réxime franquista parecía querer conxelar o tempo, eternizalo. Eses rostros e eses corpos descoñecidos ofrécennos a miúdo _nos seus xestos e movementos, nas súas maneiras de camiñar e de vestir, nas súas formas de socialización…_ datos de incuestionable valor sobre as formas de vida de varias xeracións de galegos xurdidas baixo o franquismo. Trátase, en fin, de penetrar nunha parcela capital do noso patrimonio histórico e cultural e formularse, por vez primeira, a comparecencia específica de Galicia no seo da información cinematográfica producida polo Réxime de Franco.

José Luis Castro de Paz
Director do Seminario

PROGRAMA

10:45 Presentación
Alfonso Cabaleiro
Secretario Xeral de Medios
Xunta de Galicia

Xosé Pereira
Decano da Facultade de Ciencias da Comunicación
Universidade de Santiago de Compostela

José Luis Castro de Paz
Catedrático de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela. Investigador Principal do Proxecto “Galicia en NO-DO: Comunicación, cultura e sociedade (1942-1981)” e director do Seminario.

11:00 Conferencia
Rafael Rodríguez Tranche
Profesor Titular de Comunicación Audiovisual da Universidad Complutense de Madrid. Coautor do libro NO-DO. El tiempo y la memoria (Ediciones Cátedra, Filmoteca Española).

13:00 Conferencia
Julio Pérez Perucha
Presidente da Asociación Española de Historiadores del Cine. Especialista nos Documentais producidos por NO-DO.

17:00 Conferencia
Alfonso del Amo
Responsable de Investigación de Fondos Fílmicos de Filmoteca Española.

18:00 Mesa redonda
Margarita Ledo Andión
Catedrática de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela e cineasta.

José Luis Castro de Paz
Catedrático de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela. Investigador Principal do Proxecto “Galicia en NO-DO: Comunicación, cultura e sociedade (1942-1981)” e director do Seminario.

Enrique Castelló
Profesor Titular de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela e membro do equipo de investigación do Proxecto “Galicia en NO-DO: Comunicación, cultura e sociedade (1942-1981)”.

Organiza
Centro Galego de Artes da Imaxe
Facultade de Ciencias da Comunicación (Universidade de Santiago de Compostela)

Actividade vinculada ao Proxecto de Investigación “Galicia en NO-DO: Comunicación, cultura e sociedade (1942-1981)” (2009/PX219)

Colabora
Filmoteca Española

Lugar de celebración
Facultade de Ciencias da Comunicación (Universidade de Santiago de Compostela)
CGAI