Skip to main content

A delegada territorial da Xunta en Lugo insiste no compromiso do Goberno galego coa provincia no Plan de Banda Ancha

Na Galería Sargadelos de Lugo presentouse a Guía das Webs de Galicia, editada por Interdix Galicia coa colaboración da Xunta de Galicia. Durante o acto, ao que asistiron o presidente de Agestic, José María López Bourio, o presidente do consello de Administración de Interdix Galicia, Domingo Goás, e os promotores desta empresa Xulio Xiz e Carlos Rodríguez, a delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, destacou a importancia de lograr a conectividade da totalidade do territorio galego para igualar as oportunidades da zona rural e a urbana na expansión e implantación de Internet. Reiterou o compromiso da Xunta con Lugo no Plan de Banda Ancha durante a presentación da Guía Webs de Galicia.

Raquel Arias respostaba, así, á demanda manifestada públicamente polo presidente de Agestic, José María López Bourio, de levar as novas tecnoloxías ao conxunto do territorio galego para evitar o risco de exclusión dixital que neste intre corren numerosos concellos e que perxudica ao rendemento económico de milleiros de pequenas e medianas empresas.

Tanto a delegada territorial da Xunta como o presidente de Agestic recoñeceron a importancia de iniciativas como a edición da Guía das Webs de Galicia para dimensionar a importancia da Rede no territorio galego e poñer en valor cifras que reflexan que numerosas Pemes aínda non dispoñen de páxina web por estar erradicadas en concellos sen acceso tecnolóxico. Raquel Arias apuntou, tamén, a importancia desta guía como "porta de acceso para moitos navegantes que desexen coñecer mellor a Galicia que está presente na Rede".

Os promotores de Interdix Galicia destacan que a Guía, editada a toda cor, recolle –en idioma galego- información sobre 4.800 webs galegas, moitas delas reflectindo a súa páxina principal, das que figuran no portal WebsGalicia (www.websgalicia.info), incluído dentro da plataforma na Rede GaliciaDigital (www.galiciadigital.com).

Esta plataforma, cun total de 27 portais relativos a Galicia, recibiu no pasado ano máis de 7.300.000 visitas, con máis de 40.000.000 de páxinas vistas. Un deses portais é WebsGalicia (www.websgalicia.info), no que os promotores da plataforma levan traballando dez anos, e no que figuran arredor de cinco mil páxinas web galegas.

A Guía das Webs de Galicia, que recolle invitación ás webs non incluídas para que se inscriban no Portal, está xa á venda ó prezo de 5€ nos quioscos de prensa de Galicia (distribuída por Boreal), encargándose Editorial Galaxia da distribución ás librerías.

A guía que presentamos é o froito de dez anos de traballo de pescuda de páxinas web de Galicia, dentro do portal de Internet WebsGalicia (www.websgalicia.com), un dos vinte e sete que posúe a plataforma GaliciaDigital (www.galiciadigital.com).

GaliciaDigital nace en 2000 – cumprimos agora dez anos – como unha iniciativa empresarial de carácter familiar, coa intención de propiciar unha plataforma en Internet que servise de fiestra de Galicia cara o exterior pero tamén para desde Galicia acceder á realidade galega nos máis diversos ámbitos.

Neste momento temos vinte e sete portais entre informativos e técnicos, que o ano 2009 rexistraron máis de 7.300.000 visitas con máis de 40.000.000 páxinas vistas. Se a evolución destes tres primeiros meses se mantén, ó final de 2010 alcanzaremos os 9.000.000 de visitas e os 50.000.000 páxinas.

En concreto, o portal WebsGalicia (www.websgalicia.com), un dos primeiros en ser creados e que recibe arredor de 1.500 visitas diarias, foi posuíndo información de webs galegas, día a día, averiguando unha a unha porque non existe un rexistro público de páxinas relacionadas con Galicia, ata que chegando a ter preto de 5.000 pareceunos chegado o momento de publicar esta información en libro, como unha guía
tradicional, para proporcionar un instrumento que coidamos de grande interese para todas as empresas, autónomos, particulares e institucións, mesmo pensando que a introdución de Internet en Galicia –con ser paulatina e importante– precisa de instrumentos coma este para levar cada día a máis galegos cara a Rede, xa imprescindible para a cultura, a economía ou o lecer.

Obtemos así unha publicación con dobre enfoque ou valor: Un directorio de páxinas web galegas, de utilidade para todos; e unha especie de “radiografía” da presenza galega en Internet, clasificada por categorías ou grupos de actividade. A Guía, con ser un instrumento de confección recente, é o resume dun traballo diario nun sector en pleno desenvolvemento e con frecuentes cambios, tanto de incorporación como de desaparición de webs, que fai que a cotío teñamos que estar
contrastando os nosos datos.

Sacamos a primeira edición desta GUÍA DE WEBS DE GALICIA, agardando poder no futuro efectuar novas publicacións con máis webs, adaptadas á realidade de cada momento, e por Iso a Guía recolle a chamada para as empresas que non se vexan reflectidas nestas páxinas a que nos manden os seus datos para incorporalas ás nosas bases de datos.

Da guía fíxose unha tirada de 7.500 exemplares para a súa distribución ó público, máis os correspondentes ás entidades colaboradoras, que efectuarán a súa propia distribución. Os exemplares están xa nas librerías de Galicia, distribuídos a través de Editorial Galaxia, e nos quioscos de prensa en campaña coordinada por Distribuidora Boreal, polo que xa poden ser adquiridos na maioría dos puntos de venta de Galicia.

Sinal do impacto que esta publicación está tendo é que nos últimos días as visitas diarias o portal www.websgalicia.com que viñan sendo de arredor de 1.500 ó día téñense practicamente triplicado, mesmo antes desta presentación oficial e polo tanto de que aparecesen referencias nos medios informativos nin na nosa Plataforma dixital.

A empresa Interdix Galicia, impulsora da Plataforma GaliciaDigital, quere agradecer á Xunta de Galicia – especialmente á Secretaría Xeral de Medios- o seu apoio moral e material a esta iniciativa, e a cesión destas instalacións para a presentación da Guía ós Medios; agradecemento extensivo ó resto de institucións e empresas que colaboraron na publicación para facela unha realidade.

Nota de prensa remitida por la Delegación Territorial de la Xunta de Galicia en Lugo:

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, considera que Galicia empeza a ter unha considerable presenza na rede, e valora como un parámetro de progreso a crecente incorporación de novas webs galegas, “de forma que imos gañando espazo na aldea global que significa internet”.

Arias realizou estas declaracións durante o acto de presentación da Guía de webs de Galicia, que tivo lugar hoxe na Galería Sargadelos de Lugo. A publicación responde a unha iniciativa da plataforma Galicia Digital, subvencionada pola Secretaría Xeral de Medios, e recolle datos de 4.800 páxinas galegas.

A delegada puxo de relevo que esta cifra expresa que a incorporación da sociedade galega á rede é aínda máis fonda do que cabía imaxinar, máxime cando se constata que “segue a medrar de xeito inusitado, cunha vitalidade que augura que moi axiña se irán derrubando barreiras ou fendas que existen entre outras comunidades europeas e a nosa, entre o rural e o urbano, entre a Galicia desenvolvida e a Galicia que traballa para conseguir a igualdade para todos”.

Neste senso, sinalou a potente ferramenta que supón internet para dar a coñecer ao mundo a realidade galega, “e como elemento de expansión co que conseguir múltiples obxectivos, como atraer visitantes, establecer vías de negocio ou estreitar lazos culturais con outros pobos”.

A delegada felicitou aos autores polo “esforzo detectivesco” levado a cabo para compilar tal morea de datos, “dez longos anos de traballo recollidos neste libro, que dende xa se converte nun instrumento imprescindible para acceder á realidade virtual do noso país”.

Fotografías: Carlos Rodríguez Arias
Interdix Galicia