Skip to main content

Arranca a planificación da Banda Ancha en Lugo

A Xunta de Galicia inicia a planificación das actuacións do Plan de Banda Larga 2010-2013 na zona sur da provincia de Lugo e nunha parte da Ribeira Sacra ourensá as que máis acusan a fenda dixital. Así o anunciou a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, que indicou que o despregamento de novas infraestruturas nos 28 concellos que comprenden nestas áreas, incluíndo un de Pontevedra, permitirán achegar a banda larga “ao 83,19% da poboación e xa no vindeiro ano a porcentaxe de cobertura prevese que alcance ao 68,33%”. Actualmente, nestas zonas só o 37,32% dos habitantes teñen acceso á banda larga de calidade.

Dos 10.740.000€ de investimento previsto a finais de 2013 para dotar de cobertura aos 28 municipios desta fase, 3.460.000€ destinaranse á implantación de redes fixas, 5.610.000€ a redes inalámbricas e os 1.670.000€ restantes se aplicarán á posta en marcha de redes de nova xeración (NGAs), que permiten velocidades de conexión de ata 100 Mbps, expuxo a representante do Executivo galego na provincia. Destas últimas beneficiaranse arredor de 26.145 habitantes de Monforte, Chantada e Sarria.

Esta primeira fase de despregamento de novas infraestruturas realizarase “en 12 concellos da Ribeira Sacra luguesa (Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra de Brollón, O Saviñao, Sober, Taboada, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil), así como en outros 10 da metade sur da provincia de Lugo (Antas de Ulla, Bóveda, Friol, Guntín, Palas de Rei, Monterroso, O Corgo, Láncara, O Páramo e Sarria)”, destacou Arias, que estivo acompañada na presentación polo enxeñeiro Javier Páez, compoñente do equipo que se encargará de controlar o desenvolvemento do Plan de Banda Larga.

Do mesmo xeito, nesta primeira fase actuarase en tres municipios da Ribeira Sacra ourensá (Nogueira de Ramuín, A Peroxa e A Teixeira) e nos concellos de San Cristovo de Cea e Vilamarín (Ourense) e Rodeiro (Pontevedra).

Reverter a situación actual

Arias sinalou que, actualmente, o 45,6% de habitantes da provincia de Lugo non teñen acceso á rede de calidade, seguida de Ourense cun 41,2%, A Coruña co 24,5% e Pontevedra do 21,7%. Por núcleos de poboación Lugo segue “desafortunadamente” á cabeza das provincias con máis dificultades de acceso á banda larga, rexistrando “un 76% de núcleos sen conexión á rede, seguida de Ourense cun 69,5%, A Coruña cun 48,5% e Pontevedra cun 29,8%”.

O obxectivo do Plan é “reverter a actual situación de desigualdade social que vive a comunidade en materia de acceso aos servizos de telecomunicacións” e contribuír ao aproveitamento das TIC como “motor para a dinamización e competitividade empresarial así como a modernización dos servizos públicos”.

“Será un despregamento de infraestruturas baseado na eficiencia e na cooperación de todos os axentes implicados”, afirmou Arias, que fixo referencia tamén a que a iniciativa autonómica permitirá que a dotación orzamentaria de 102 millóns de euros da Xunta de Galicia poida superar os 230 millóns mobilizando capital privado e doutras administracións.

O proceso de desenvolvemento de infraestruturas permitirá o acceso aos servizos avanzados da Sociedade da Información de cidadáns e empresas de todo o territorio galego, nalgúns casos, xa a finais do presente exercicio, segundo as previsións de execución do plan.

En primeiro lugar realizaranse “actuacións que contribuirán á vertebración territorial, como o despregamento de redes fixas que achegará a banda larga a máis de 170 núcleos de máis de 100 habitantes e parques empresariais e polígonos industriais con deficiencia de cobertura”, adiantou Arias, referíndose a unha serie de tarefas que suporán a atención a arredor de 100.000 persoas.

Así mesmo, desenvolverase a extensión de redes sen fíos a preto de 9.000 núcleos que non se cubran coas actuacións anteriores e que equivalen a máis de 400.000 habitantes e a potenciación do operador público Retegal que permitirá reducir custes e acelerar o despregamento da banda larga.

Outra liña de actuación é a universalización do servizo que dotará de cobertura a outras 143.000 persoas que vivan en zonas que pola súa dispersión ou xeolocalización non foran incluídas nas actuacións anteriores. Finalmente, o desenvolvemento de infraestruturas completarase coas de redes de nova xeración que alcanzan velocidades de ata 100 Mbps.

“O denominador común de todas estas actuacións é a prestación dun servizo de banda larga de calidade”, resumiu a delegada territorial. No plan recóllense velocidades de acceso superiores a 2Mbps, podendo chegar a 100Mbps no caso de redes de nova xeración.

En xeral, o despregamento das infraestruturas de telecomunicación permitirá cambiar a situación actual da comunidade na que un total 786.000 galegos (o 30% da poboación total), preto de 35.000 empresas (16%) e 589 entidades de poboación con algunha entidade administrativa non teñen posibilidade de acceso á banda larga.

Gabinete de Comunicación da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo