Skip to main content

O plató Chroma Key de la TVG, entre os contidos máis visitados de Galiciadixital

Os aerodeslizadores virtuais e o plató Chroma Key foron os contidos máis visitados na exposición itinerante Galiciadixital no marco do encontro Xuventude Galicianet, que se celebrou desde o venres ata o domingo 28 de marzo, no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago, e que contou coa visita dunhas 5.000 persoas.

Nesta ocasión, a mostra interactiva da Secretaría Xeral de Medios estreou a película en 4 dimensións “Meta do Camiño” e o vídeo conmemorativo dos 25 anos de vida da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), ademais de incluír outros contidos relacionados co aniversario do ente autonómico, como unha zona expositiva de obxectos relacionados coa radio e a televisión e unha serie de paneis ilustrativos da historia da Compañía.

“Meta do Camiño” é unha curtametraxe 4-D, é dicir, 3-D acompañado de efectos especiais de vento, aroma e fume, onde un peregrino acompaña e ilustra ao visitante nun breve percorrido en primeira persoa polos lugares máis relevantes da Catedral de Santiago, algúns dos cales non son accesibles para o visitante convencional, incluíndo o altar maior, o órgano, o sepulcro, os tellados e un impactante botafumeiro que os visitantes poden alcanzar coas súas propias mans.

No xogo “Aerodeslizadores por Compostela”, os visitantes descenden pola zona histórica dunha cidade galega virtual nun futurista “aerodeslizador” desenvolvido pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), mentres que, grazas ao plató “Chroma Key”, puideron converterse en presentadores de informativos, situándose nun espazo desde o que se ven reflectidos nunha pantalla TFT de gran formato, inmersos nese decorado.

A través desta exposición, que ten a súa sede permanente no Mosteiro de San Martiño Pinario, tamén en Santiago, a Secretaría Xeral de Medios pretende amosar aos galegos e galegas de todas as idades os contidos audiovisual e multimedia realizados por empresas e universidades galegas.

Galiciadixital ofrece unha experiencia interactiva distinta á dos museos convencionais, pensada para que os visitantes non sexan simples espectadores, senón que participen en todo o seu percorrido, achegando así os avances en tecnoloxía multimedia e audiovisual producidas en Galicia á cidadanía desde localidades preto da súa residencia.

Próximos destinos

Ata finais de ano, a exposición, cos seus contidos habituais e cos novos, relacionados cos 25 anos da compañía radiotelevisiva, visitará, ademais, outras 13 localidades galegas: Narón, A Rúa, Chapela (Redondela), Ferrol, A Coruña, Muxía, Pontevedra, Padrón, Sarria, Ourense, Arzúa, Lugo e Vigo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia