Skip to main content

A Secretaría Xeral de Medios e a CRTVG organizan un curso sobre animación con plastilina

Dentro das actividades conmemorativas dos 25 anos da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), a Secretaría Xeral de Medios, en colaboración coa propia compañía autonómica, organiza unha serie de cursos para explicar as técnicas de stop-motion a rapaces de enter 14 e 18 anos das sete principais cidades galegas.

Eses cursos celebraranse entre o 23 de abril e o 19 de maio nas aulas da rede CeMIT (Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica) das localidades elixidas, e serán impartidos de 10:00 a 14:00 horas por dous monitores profesionais que ensinarán esta técnica en formato vídeo HD.

O stop-motion é unha técnica de animación que consiste en aparentar o movemento de obxectos estáticos capturando fotografías. En xeral, denomínase animacións de stop-motion ás que non entran na categoría de debuxo animado, isto é, que non foron debuxadas nin pintadas, senón que foron creadas tomando imaxes da realidade.

Hai dous grandes grupos de animacións stop-motion: as animacións de obxectos ríxidos e a animación de plastilina (ou calquera material maleable), que foi a elixida para os cursos que van a acoller as aulas CeMIT. Durante o curso, cada aula (cuns 30 alumnos aproximadamente) contribuirá á animación dunha personaxe famosa da CRTVG (o Xabarín), dando lugar a unha peza final coa personaxe animada (montaxe do alumnado das sete aulas CeMIT participantes). O grupo que realice, nas catro horas do curso, a animación de máis calidade recibirá un premio consistente nunha videocámara dixital con tarxeta de memoria.

Outras actividades

Esta non é a única iniciativa organizada para conmemorar o 25º aniversario do ente radiotelevisivo autonómico. Así, entre o 19 de abril e o 21 de maio, celebraranse tamén outras actividades como visitas de persoeiros da CRTVG ás aulas da Rede CeMIT ou concursos relacionados coas novas canles de comunicación (“As grandes frases da dobraxe da Galega” e “Que está a pasar nas aulas CeMIT con motivo dos 25 anos da CRTVG”), cuxas bases de participación poden atoparse na páxina web da CRTVG (www.crtvg.es) así como na do Centro Multimedia de Galicia (www.cmg.xunta.es/crtvg25).

Así mesmo, a exposición itinerante e interactiva da Secretaría Xeral de Medios, Galiciadixital, acollerá tamén durante todo o ano unha serie de contidos sobre a CRTVG. Dese xeito, os interesados poderán converterse en presentadores dos informativos da Televisión de Galicia por un día, a través do Plató Chroma Key, un espazo no que se poden situar e aparecer reflectidos nunha pantalla TFT de gran formato, inmersos no decorado. Ademais, a mostra acollerá unha exposición de obxectos relacionados coa radio e coa televisión e un vídeo conmemorativo do aniversario, entre outros contidos.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia