Skip to main content

A Aula CeMIT de Compostela inaugura cunha charla de Pemán o 25º aniversario da CRTVG

A aula CeMIT de Santiago, situada na Facultade de Ciencias da Comunicación, acolleu a primeira das actividades organizadas pola Secretaría Xeral de Medios con motivo dos 25 anos da CRTVG. Así, Santiago Pemán, o home do tempo da Galega, fixo un percorrido sobre a súa traxectoria na Compañía ao longo destes 25 anos e respostou ás preguntas do grupo de estudantes de Xornalismo asistentes.

Ademais da aula da Rede CeMIT de Santiago, os actos conmemorativos dos 25 anos da CRTVG desenvolveranse tamén nas aulas CeMIT da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Ferrol ata o 21 de maio.

A Secretaría Xeral de Medios e a Compañía de Radio Televisión de Galicia celebran este aniversario co obxectivo común de potenciar os avances tecnolóxicos cos que ambos contan no ámbito das comunicacións.

Pero estas non son as únicas iniciativas organizada para conmemorar o 25º aniversario do ente radiotelevisivo autonómico. Así, entre o 19 de abril e o 21 de maio, celebraranse tamén dous concursos relacionados coas novas canles de comunicación (“As grandes frases da dobraxe da Galega” e “Que está a pasar nas aulas CeMIT con motivo dos 25 anos da CRTVG”), cuxas bases de participación poden atoparse na páxina web da CRTVG (www.crtvg.es) así como na do Centro Multimedia de Galicia (www.cmg.xunta.es/crtvg25/). Cada un dos concursos contará con tres gañadores e entre os premios destacan reprodutores blu-ray, discos duros externos ou videocámaras dixitais.

A Secretaría Xeral de Medios e a CRTVG pretenden así promover o uso das novas formas de comunicación que xorden de Internet, en particular da ferramenta twitter, empregándoa como medio de comunicación e participación en tempo real. Para participar en ámbos os dous concursos é necesario, polo tanto, dispor dunha conta en twitter.

Asemade, a exposición itinerante e interactiva da Secretaría Xeral de Medios, Galiciadixital, acollerá tamén durante todo o ano unha serie de contidos sobre a CRTVG. Dese xeito, os interesados poderán converterse en presentadores dos informativos da Televisión de Galicia por un día, a través do Plató Chroma Key, un espazo no que se poden situar e aparecer reflectidos nunha pantalla TFT de gran formato, inmersos no decorado. Ademais, a mostra acollerá unha exposición de obxectos relacionados coa radio e coa televisión e un vídeo conmemorativo do aniversario, entre outros contidos.

Xosé Ramón Gayoso fala o martes 20 de abril na aula CeMIT da Secretaría Xeral de Medios da Coruña sobre as súas experiencias na Televisión Galega, que cumpre 25 anos

O presentador do programa da Televisión de Galicia Luar, Xosé Ramón Gayoso, imparte o martes 20 de abril unha charla na Aula CeMIT (Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica) situada na Biblioteca Municipal Miguel González Garcés da Coruña, na que explicará ao público as experiencias vividas ata o de agora no devandito programa da TVG.

Esta conferencia, que comeza ás 11:00 horas e será de entrada libre, enmárcase nas actividades organizadas conxuntamente pola Secretaría Xeral de Medios e a Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) para conmemorar o 25º aniversario do ente galego.

Xunto con Gayoso, a cara máis visible das noites dos venres na Galega, ata o vindeiro 21 de maio pasarán polos centros da Rede CeMIT das principais cidades da comunidade outros coñecidos personaxes que xa forman parte da historia da radio e a televisión autonómicas, como o home do tempo, Santiago Pemán, que visitou hoxe a Aula CeMIT da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, ou o histórico locutor da Radio Galega Luís Rial.

Ademais, os más pequenos poderán cumprir a súa ilusión de coñecer en persoa ao simpático Xabarín, mascota do programa da TVG do mesmo nome, que se achegará ás aulas CeMIT de A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago e Ferrol entre o 27 deste mes de abril e o 21 de maio.

Por outra banda, a Secretaría Xeral de Medios celebrará tamén unha serie de cursos para explicar as técnicas de stop-motion (animación con plastilina) a rapaces de entre 14 e 18 anos das sete principais cidades da comunidade, que se desenvolverán entre o 23 de abril e o 19 de maio nas aulas da Rede CeMIT das localidades elixidas, e serán impartidos de 10:00 a 14:00 horas por dous monitores profesionais que ensinarán esta técnica en formato vídeo HD.

Asemade, a rede social Twitter será o vehículo dos concursos “As grandes frases da dobraxe da Galega” e “Que está a pasar nas aulas CeMIT con motivo dos 25 anos da CRTVG”, encamiñados a facer partícipes aos espectadores desta conmemoración. As bases de ambos os dous certames poden atoparse na páxina web do Centro Multimedia de Galicia (CMG), www.cmg.xunta.es/crtvg25/, ou da CRTVG, www.crtvg.es. A isto engádense os novos contidos relacionados coa compañía que acollerá durante todo o ano a exposición itinerante e interactiva da Secretaría Xeral de Medios, Galiciadixital, como unha serie de paneis ilustrativos da súa historia ou un vídeo de homenaxe, entre outros.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia