Skip to main content

O programa interuniversitario de doutoramento en Tecnoloxías da Información, primeiro e único programa galego na materia cunha mención de calidade do Ministerio

Trátase do primeiro e único programa de doutoramento galego adicado ao estudo das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) cunha Mención de Calidade do Ministerio de Educación. Este curso está coordinado polo Departamento de Electrónica e Computación da USC, coa participación do Departamento de Electrónica e Sistemas da Universidade da Coruña. Esta Mención de Calidade, acadada na derradeira convocatoria realizada polo Ministerio de Educación e Ciencia, constitúe un recoñecemento á solvencia científica e formadora do programa de Doutoramento, así como dos grupos ou Departamentos que participan no programa.
O programa deste curso de doutoramento está aberto a titulados en Física, Matemáticas, Enxeñería Informática, Enxeñería de Telecomunicacións, ou Enxeñería Electrónica. Os seus contidos oriéntanse tanto a aspectos de interese no entorno empresarial, a través dun conxunto de seminarios que abordan temas de alta demanda, como a aspectos básicos de formación arredor das liñas de investigación que na actualidade se atopan en desenvolvemento no Departamento de Electrónica e Computación, responsable do desenvolvemento deste doutoramento. Deste xeito preténdese proporcionar ao alumno unha sólida formación para o exercicio da investigación, así como un perfil atractivo para a demanda tecnolóxica do sector empresarial, a través dun programa multidisciplinar e integrador.
O doutoramento dota ao alumno dos coñecementos necesarios en catro alternativas de formación, que posteriormente permitirán, por unha parte, a obtención dun DEA cun perfil autocontido, e por outra, a integración do alumno no traballo dalgún dos grupos de investigación, puidendo culminar na realización dunha tese de doutoramento. Os catro itinerarios definidos neste programa son Sistemas distribuidos de información, Análise e síntese de información visual, Tecnoloxía e arquitectura de procesadores e Procesado intelixente de información.
Para a admisión de novos alumnos a este curso, os responsables do curso valorarán o expediente académica da persoa solicitante, o seu curriculum vitae, e se fose necesario realizariase unha entrevista persoal. Para acadar máis información sobre este programa de doutoramento, as persoas interesadas poden acadar máis información na súa páxina web: http://www.dec.usc.es/doctorado/bienio04-06.html
Gabinete de Comunicación USC