Skip to main content

A Agadic apoia con 4.980.000 euros a produción e coprodución de longametraxes en galego para cine e TV

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) destina un total de 4.980.000 euros ás axudas para producións ou coproducións audiovisuais en lingua galega, que experimentan un incremento de 130.000 euros respecto da súa dotación en 2009. Con esta nova convocatoria, a entidade da Consellería de Cultura e Turismo completa o seu programa de subvencións ao audiovisual galego para 2010, no que se insiren outras cinco modalidades xa convocadas entre os meses de marzo e abril.

En total, a Agadic reserva un orzamento de 7.060.000 euros para as súas liñas de apoio ao sector, de xeito que, a pesar dos reaxustes orzamentarios, consegue aumentar en 160.000 euros a contía global convocada o ano pasado (6.900.000 euros). No caso das axudas para producións e coproducións audiovisuais, que supoñen máis do 70,5% do importe conxunto, a súa dotación distribuirase ata 2013 (1.400.000 euros no ano 2010, 1.400.000 euros en 2011, 1.380.000 en 2012 e 800.000 en 2013) e o prazo de xustificación de cada anualidade rematará o 31 e outubro do ano correspondente.

Ficción, animación e documental

Poderán optar a estas subvencións varias categorías de proxectos que deben ser presentados por produtoras independentes: longametraxes (cinematográficas de animación, ficción ou documental), opera prima ou segundas longametraxes, películas para televisión e longametraxes documentais (de creación ou de difusión cultural). Como criterio común, todas as propostas deberán ser realizadas en lingua galega cun decidido contido artístico e cultural.

Segundo establecen as bases publicadas no Diario Oficial de Galicia o 7 de maio, estas subvencións poderán solicitarse ata o 7 de xuño, inclusive. Ademais, este mes de maio expira o prazo de presentación noutras dúas liñas de axuda: desenvolvemento de proxectos audiovisuais (día 20) e creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego (día 24).

Por último, as axudas para a amortización dos custos de produción manterán aberto o seu período de solicitude ata o 15 de setembro, tendo en conta que a súa concesión é automática ata esgotar a dotación reservada de 800.000 euros. O prazo xa finalizou no caso das axudas para produción de curtametraxes e para desenvolvemento e produción de contidos interactivos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia