A USC redefine o modelo de comunicación na web

Redeseño web
As melloras que leva asociadas o redeseño do portal web da USC comezan coa creación dun xestor de contidos que permite a mellora na produción de información dos diferentes responsables. O web disporá agora dunha maior axilidade e máis volume de información e servizos ao tempo que se lle dá máis visibilidade ao traballo feito polos grupos de investigación, institutos, centros e departamentos. Os distintos contidos están segmentadas por públicos e intereses, cun maior protagonismo para a actualidade universitaria a través do xornal electrónico, agora emprazada nun lugar destacado.
Este redeseño busca ademais mellorar a accesibilidade web cumprindo todas as recomendacións neste senso, reestruturar os contidos adaptándoos aos criterios actuais de usabilidade web e ofrecendo unha mellor visualización nos distintos dispositivos móbiles que cada día acceden en número crecente á web da USC. Para conseguilo incorporáronse importantes melloras técnicas na programación acordes coas últimas novidades na creación web.
Barro lembrou que a web da USC é a quinta galega por número de accesos rexistrados e a primeira universitaria por número de páxinas indizadas en Google. Na actualidade rexistra máis de catro millóns de vistas anuais.
USC TV
USC TV (http://tv.usc.es/) xorde para compartir coa sociedade os fondos audiovisuais da USC creando, simultaneamente, unha canle de divulgación científica. Ofrecerase a posibilidade de ver as grandes conferencias dos persoeiros máis ilustres que visitan a USC e poderanse recuperar os grandes momentos da universidade compostelá e de Galicia. En definitiva, esta ferramenta “crea unha memoria audiovisual dos actos institucionais da USC”, explicou o reitor ao tempo que engadiu que se tratará “dunha televisión na que vai participar toda a comunidade universitaria”.
Actualmente, USC TV pon a disposición dos usuarios máis de 400 horas de materiais audiovisuais, definindo un proxecto que no futuro debería converterse nunha “auténtica televisión de ámbito universitario”, concluíu Barro.
Casadatroia.es
Casadatroia.es (http://www.casadatroia.es/users/login) é a incursión da universidade compostelá na web 2.0 e un punto de encontro das inquedanzas da comunidade universitaria canalizadas a través das novas tecnoloxías que vai operar como un espazo propio para traballar en rede onde terán cabida as actividades que se xeran na USC.
Será unha “rede aberta á sociedade, universal, na que pode participar calquera persoa interesada coa investigación, o talento, a transferencia de coñecemento e a colaboración coa universidade”. A USC expresa por esta vía “o seu carácter máis universal como espazo de convivencia e intercambio de coñecemento”, engadiu o reitor.
En resume e segundo se puxo de manifesto na presentación realizada este xoves en Fonseca, estas medidas profundan no compromiso da institución académica compostelá coa innovación, o aproveitamento das posibilidades tecnolóxicas e a excelencia internacional.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)