Skip to main content

ComputerWorld premia á Xunta polo impulso da e-Administración e a SI

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, recolle en Marbella o premio ao Proxecto Tecnolóxico do Ano no Sector Público que a revista ComputerWorld vén de concederlle á Xunta de Galicia. ComputerWorld, publicación líder en España especializada en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, decidiu galardoar a Administración autonómica polo seu impulso definitivo da sociedade da información e a e-Administración.

Segundo explica a publicación “o galardón é un recoñecemento ao compromiso desta institución coa modernización TIC, como mostra a creación da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. Un ente cuxo obxectivo é impulsar e dar asesoramento técnico e apoio en materia de TIC e a súa aplicación para o desenvolvemento tecnolóxico de Galicia e apoiar e dar servizo de forma centralizada ás diferentes consellerías, buscando a calidade, a racionalización e a mellora do nivel de servizo na xestión das TIC”.

Os Premios ComputerWorld, que se entregan esta noite no marco da XVI Conferencia Anual da publicación, que nesta ocasión terá lugar en Marbella (Málaga), teñen o obxectivo de premiar e destacar aqueles proxectos que avogan polas tecnoloxías da información para mellorar o servizo dos organismos públicos e privados, así como o labor dos máximos responsables destes como artífices clave no aliñamento perfecto entre TI e negocio. Nesta edición da Conferencia outorgaranse sete premios en diversas categorías.

Ademais da Xunta de Galicia, ComputerWorld recoñece o labor de Caixa Galicia na categoría de Proxecto do Ano do Sector Privado; de Francisco Gimeno de Gas Natural como CIO do Ano do Sector Privado; do Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís de España CIO do Ano do Sector Público; de Jesús Pérez Iridoy de El Corte Inglés co Premio á Traxectoria Profesional dentro do Sector Privado; e Damián Oliva, interventor xeral da Consellería de Economía da Junta de Comunidades de Castilla La Mancha co Premio á Traxectoria Profesional dentro do Sector Público. Tamén farán entrega dun premio especial.

Conferencia Internacional

Baixo o título “Tecnoloxía Sostible e Crecemento. Estratexia na Nube”, comezou hoxe a XVI Conferencia Internacional ComputerWorld. O evento, que remata o 3 de xuño, ten como público obxectivo a directores de tecnoloxías da información e as comunicacións de grandes e medianas empresas españolas e organismos públicos, así como a responsables de organización e sistemas de información, directores de departamentos de proceso de datos, consultores, profesionais de empresas informáticas, directores xerais e financeiros e, en xeral, todos aqueles profesionais con capacidade decisoria e responsabilidade sobre os investimentos tecnolóxicas das súas respectivas organizacións, e centra os seus contidos en aspectos ligados á xestión das TIC.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia