Skip to main content

Arranca a I Mostra de Cinema Periférico S8, no marco do Xacobeo Filme

O director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos Cidrás, asistiu en A Coruña á inauguración de S8-Primeira Mostra de Cinema Periférico, un certame que forma parte do ciclo Xacobeo Filme e que se desenvolve ata o 6 de xuño no antigo cárcere da cidade herculina.

Na súa intervención, o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, gabou o carácter novidoso e interesante que cualifican a este evento, e destacou que este certame reflicte de forma clara un dos valores de Xacobeo 2010, que é a aposta por unha programación exclusiva, orixinal e única.

Ignacio Santos salientou, ademais, que coa participación nesta iniciativa, “Xacobeo 2010 reforza a súa aposta pola promoción dos festivais audiovisuais que se celebran en Galicia”. De feito, a Mostra de Cinema Periférico é un dos once festivhttp://www.xunta.es/image/image_gallery?img_id=155102ais que conforman Xacobeo Filme, ciclo temático de organizado por Xacobeo 2010 e que supón unha aposta pola industria audiovisual, convertida nun dos sectores estratéxicos de Galicia, ademais dun referente nacional e internacional, avalado polos múltiples premios e recoñecementos recibidos. O seu obxectivo principal e impulsar e difundir dentro e fóra da comunidade os traballos audiovisuais galegos, ao mesmo tempo que busca consolidar un tecido de festivais que teña permanencia no tempo máis aló do Ano Santo.

Coma un aceno cara o formato Super 8 na súa denominación, S8 desenvolverase desde hoxe e ata o 6 de xuño no antigo cárcere provincial de A Coruña, situado preto da Torre de Hércules. Nel, convivirán o cinema documental, as vangardas, o cine performativo e o vídeo-arte, con clases maxistrais, obradoiros para nenos e mesas de presentación e debate. Por este certame tamén pasarán recoñecidos cineastas, tanto nacionais como internacionais.

A mostra renderá homenaxe ao artista Iván Zulueta, contará coa presencia de Mark Rappaport, María Cañas e Bruce McClure, e na sección Outros formatos do cinema en Galicia poderanse ver películas inéditas feitas en Galicia nos últimos 40 anos e proxeccións do arquivo histórico galego. Ademais, proxectarase en primicia a obra fílmica do pintor Eugenio Granell e farase unha retrospectiva sobre o autor Ernesto Díaz Noriega. Haberá tamén espazo para os novos creadores galegos.

No acto de inauguración, tamén estiveron presentes o primeiro tenente alcalde do Concello da Coruña, Henrique Tello; a concelleira de Cultura do Concello da Coruña, María Xosé Bravo, e o director de S8, Ángel Rueda. Asemade, asistiron autoridades locais e representantes das entidades colaboradoras. Todos eles, foron trasladados ata o antigo cárcere de A Coruña en tranvía, convertido no vehículo oficial de S8. Esta viaxe ata o cárcere coruñés foi amenizada polo polifacético artista Quico Cadaval na pel do Contapelis, que é unha das actividades previstas dentro da programación paralela deste certame.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia