As liñas da converxencia tecnolóxica europea defínense coa 2014 Axenda Dixital

A folla de ruta que establece 2014 Axenda Dixital de Galicia determina unha serie de obxectivos estratéxicos que pasan por crear emprego e riqueza, construír unha administración máis eficiente e próxima, capacitar aos cidadáns dixitalmente para o mercado global e dotar á Comunidade dunhas infraestruturas de telecomunicación modernas e sostibles.
En liña coa estratexia europea
2014 Axenda Dixital de Galicia dá resposta ás necesidades actuais e futuras recollidas nas principais estratexias tanto europeas como rexionais. En primeiro lugar, está aliñada coa Estratexia 2020, unha estratexia europea definida entorno a tres prioridades que se reforzan mutuamente: un crecemento intelixente baseado no coñecemento e a innovación; un crecemento sustentable que faga un uso máis eficaz dos recursos, que sexa máis verde e competitivo; e un crecemento integrador cun alto nivel de emprego, de produtividade e de cohesión social e territorial.
En segundo lugar, está en liña coa Axenda Dixital Europea, definida co obxectivo de lograr beneficios económicos e sociais sustentables a través das novas tecnoloxías, promovendo actuacións en diversos ámbitos: facilitando o acceso a internet e a súa utilización por todos os cidadáns europeos, especialmente mediante a alfabetización dixital, creando contidos dixitais e servizos en liña seguros, reforzando a solidez tecnolóxica de Europa en ámbitos clave, xerando redes de talento, fomentando a cooperación entre todos os axentes para competir en condicións óptimas, garantindo o carácter neutral e aberto de Internet, reutilizando a información e impulsando un mercado dixital único.
Finalmente, a primeira Axenda Dixital de Galicia está perfectamente aliñada co Plan Estratéxico Galicia 2010-2014 que aposta por un novo modelo de crecemento baseado na economía do coñecemento, a dinamización económica e a sostibilidade; pola redución da fenda dixital como elemento clave para a cohesión territorial e social; pola promoción do desenvolvemento tecnolóxico e da creación de empresas baseadas no coñecemento e a tecnoloxías; polo fomento das TIC e en definitiva, por facer de Galicia un lugar para vivir, traballar e investir a través das novas tecnoloxías.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia