Skip to main content

O CGAI adica xullo a Gus Van Sant e ao cine filipino

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) proxecta no mes de xullo catro películas de Gus Van Sant e un ciclo de cine filipino. Continúa, ademais, a programación do ciclo Fora de serie que este mes incluirá unha Master Class de Javier Rebollo, a proxección da súa segunda película A muller sen piano, e o filme Historias extraordinarias, de Mariano Llinás, que contará coa presentación do crítico Javier Porta.

O ciclo dedicado a Gus Van Sant comezar o día 7 de xullo coa proxección de Todo por un soño, a película de 1995 coa que Nicole Kidman gañou un Globo de Ouro á mellor actriz. A seguinte película será Milk/ O meu nome é Harvey Milk, un filme protagonizado por Sean Penn, que gañou dous Óscars e poderá verse no CGAI o luns día 12.

O día seguinte, o martes 13 de xuño, proxectarase Elephant, unha brillante, distanciada e calculada recreación da matanza do Instituto de Columbine pola que Van Sant gañou unha Palma de Ouro e o premio ao mellor director en Cannes. O ciclo rematará o día 14 coa película Drugstore Cowboy, a longametraxe que colocou ao director estadounidense no panorama cinematográfico mundial.

O ciclo de cine filipino comezará o xoves día 1 coa película Turumba. Este ciclo inclúe filmes de Eddie Romero, NIck Deocampo, Jeffrey Jetturian, Kidlat Tahmik, Laurice Guillén e Lav Díaz.

Dentro do ciclo Fóra de serie o CGAI estrea en Galicia o canto á fabulación Historias extraordinarias do arxentino Mariano Llinás, que contará coa presentación do crítico d’El Amante e programador do BAFICI Javier Porta Fouz. Por último, Javier Rebollo acudirá ao Centro Galego de Artes da Imaxe a presentar a súa segunda película, a produción española A muller sen piano, unha circunstancia que lle permitirá ofrecer unha Master Class acerca do seu proceso de traballo o venres 16 de xullo.
CGAI