Skip to main content

Xacobeo 2010, a Casa de Asia e o CGAC promoven un ciclo de cinema chinés

A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo inicia un ciclo de cine chinés enmarcado dentro do proxecto cultural Beijing Time. A hora de China. A iniciativa, que forma parte da programación do Camiño do Audiovisual de Xacobeo 2010 e que conta coa colaboración de Casa Asia e co programa de cine de verán do Centro Galego de Arte Contemporáneo, desenvolverase todos os mércores a partir do día 30 de xuño, e ata o 28 de xullo no auditorio do CGAC en Compostela. Nesta mostra incluiranse producións insubstituíbles no marco da historia recente do cine do gran país asiático.

Co patrocinio desta iniciativa, Xacobeo 2010 reforza a súa aposta por desenvolver unha programación baseada na calidade das propostas e por ofrecer contidos caracterizados pola súa diversidade de temáticas e estilos, coa intención de satisfacer as demandas culturais dun público heteroxéneo e seguindo criterios de exclusividade, orixinalidade, especialización e xeneralidade.

Por outra banda, o proxecto cultural Beijing Time, A hora de China inclúe unha exposición de arte contemporáneo do país asiático que, baixo o mesmo nome e da man de Xacobeo 2010, pódese visitar na actualidade na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela. Así, o ciclo de cine chinés complementa esta primeira iniciativa, ofrecendo unha boa mostra da nova produción audiovisual chinesa, resultado do gran desenvolvemento que experimentou dende 1990.

Chen Kaige, Chen Tao, Han Jie, Jie Zhangke, Jie Liu, Li Hongqi, Li Yang, Peng Tao, Wang Bin, Wang Chao, Xiaolu Guo, Ying Liang, Zhang Jiarui, Zhao Ye e Zhang Yuan, que conforman a quinta, sexta ou mesmo a sétima xeración do cine chinés, presentan neste ciclo algunhas das súas producións audiovisuais máis significativas deste cine independente, onde se dará conta da aparición do xénero que mestura documental e ficción, ou docuficción, que confire verosimilitude ao narrado.

Os dramas Terra amarela, de Chen Kaige, e East Palace, de Zhang Yuang, iniciarán mañá ás 20.00 e ás 22.30 horas, respectivamente, este ciclo de cine, que continuará cada mércores ata o 28 de xullo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia