Skip to main content

Igualdade destaca a necesidade de recuperar a figura de Sofía Casanova

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, defendeu na presentación do libro “Vida e Tempo de Sofía Casanova (1861-1958)” a figura desta xornalista e escritora galega, como a dunha “muller valente e singular” que foi testemuña excepcional dos acontecementos máis relevantes da historia recente de Europa e que “é escasamente lembrada” porque, ao igual que a maioría das súas contemporáneas, sufriu o “descrédito e os prexuízos de xénero que a maioría dos seus colegas homes manifestaban en relación coa obra ‘menor’ das escritoras”.

O libro, editado polo Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos e financiado pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, é unha obra colectiva coordinada polo historiador Antón M. Pazos na que se aborda a labor de Casanova como escritora e correspondente de guerra e na que se facilita ampla información sobre a súa singular vida e traxectoria.

A iniciativa de publicar esta obra, que se enmarca dentro da colección “Monografías” dos Cadernos de Estudos Galegos, tivo a súa orixe no seminario “Feminino singular: vida e tempo de Sofía Casanova”, que organizou o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento con motivo do 50 aniversario da morte da escritora, en novembro de 2008.

Marta González lamentou que aínda que hoxe en día as mulleres son maioría entre o público lector e hai un importante número de escritoras cun recoñecemento xeneralizado, “aínda é preciso lembrar que “existe o termo ‘literatura feminina’ para designar de xeito pexorativo ás obras escritas por mulleres nas que se supón que se reflicte unha visión e unha concepción do mundo propia, que difire do modelo masculino, tomado como patrón ou canon universal”.

Por iso, subliñou a secretaria xeral da Igualdade, “cómpre facer un esforzo, para recuperar o legado de tantas mulleres galegas que, como Sofía Casanova, tiveron dificultades para traspasar os ríxidos límites impostos por unha sociedade que outorgaba, en principio, escaso valor ás aportacións das mulleres e das que pouco o nada sabemos”.

Nese sentido, dixo, “o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento conta co apoio da Secretaría Xeral da Igualdade para continuar avanzando no coñecemento e na posta en valor do papel de moitas mulleres aínda descoñecidas no eido da historia, da literatura, da cultura en xeral, para aportar o coñecemento que permita a revisión da tradición literaria, ou da nosa historia, conformada ao longo de séculos e na que as mulleres teñen sido relegadas, sen xuízo previo, a papeis secundarios”.

No acto de presentación, ademais da secretaria xeral da Igualdade e do coordinador do libro, participou o director do Instituto, Eduardo Pardo de Guevara, que destacou que “coa publicación deste libro pretendemos deixar constancia do labor do Instituto, que leva sesenta anos de traxectoria pendente sempre dos acontecementos máis importantes da nosa historia e da nosa cultura, así como contribuír a manter na lembranza colectiva a esta galega excepcional”.

Os artigos do libro

O volume compila artigos de Antón Pazos, investigador do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), que fai unha aproximación á antropoloxía de Sofía Casanova, reflectindo a actuación da xornalista nos acontecementos históricos que viviu, como a revolución rusa, as dúas guerras mundiais ou a guerra civil española. Ademáis, reflexiona sobre algúns rasgos casanovianos que poden servir para comprender a súa obra e o seu pensamento, tales como o seu feminismo racional, o apoio aos xudeus, o seu universalismo, pacifismo e antitotalitarismo.

Grzegork Bak, da Universidade Complutense de Madrid, no artigo “A atormentada Polonia de Sofía Casanova”, fai un repaso dos principais acontecemento históricos que viviu Casanova en Polonia, país no que viviu tras o seu casamento e no que faleceu.

Kirsty Hooper, da Universidade de Liverpool, plantexa, en “Sofía Casanova e o apagamento da muller intelectual no século XX español”, a situación das mulleres intelectuais entre o século XIX e o XX, que ven como se van limitando as oportunidades para a actividade como literatas a medida que se afianza o século XX, fenómeno do que Casanova, que viviu o período entre as dúas centurias, é testemuña excepcional.

A investigadora Olga Osorio aporta unha descoñecida visión da labor coma xornalista de autora galega, que foi unha das primeiras cronistas de guerra españolas, e que chegou a entrevistar a Trotsky durante a revolución rusa.

A poetisa e escritora Carmen Blanco propón a similitude e as diferenzas entre Casanova e Emma Goldman, unha vez que as dúas viviron en Rusia durante a revolución de 1917 e foron cronistas de ditos acontecementos.

Tamén Rosario Martínez, autora da biografía “Sofía Casanova, Mito e literatura” aporta un traballo no que recolle a vida persoal e intelectual da autora coruñesa a través da súa correspondencia coa súa amiga Blanca de los Ríos.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia