Skip to main content

Modernización reestrutura o seu espazo web iMIT cara unha web 2.0

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica impulsa o seu portal iMit como lugar de referencia das iniciativas da Xunta en materia de novas tecnoloxías cunha nova versión máis participativa e encamiñada cara o concepto de web 2.0, xa que, en breve, estará presente nas redes sociais de Facebook e Twiter. A web incorpora un espazo para que os usuarios opinen sobre temas de actualidade, que se inaugura cunha pregunta sobre o futuro do libro electrónico, ademais de permitir o acceso ás fotos desde Flickr e dispoñer dunha canle multimedia.

A reestruturación de iMit busca respostar ás esixencias de cidadáns, empresas e institucións para que poidan acceder aos beneficios que a Xunta quere ofrecer a través as súas canles online: unha prestación de máis servizos, máis áxil, económica, personalizada e máis eficiente, aos que os cidadáns e as empresas poidan acceder 24 horas ao día, 7 días á semana.

Liñas de actuación prioritarias

iMit tamén se adapta aos avances das medidas desenvolvidas pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica no último ano. A web recolle cinco liñas de actuación prioritarias: a Axenda Dixital, que aglutina a estratexia galega en materia de novas tecnoloxías, o Goberno electrónico, as telecomunicacións, a dinamización do uso das TIC e o impulso ao sector empresarial da sociedade da información. Neste sentido e como reflexo destas prioridades, iMit concíbese como a canle de comunicación sobre os programas e proxectos que se están a levar a cabo nestes ámbitos por parte da Xunta de Galicia.

A web iMit continúa a vocación coa que se puxo en marcha, informar a toda a sociedade sobre os plans e servizos impulsados desde a Administración autonómica no ámbito tecnolóxico, ademais de divulgar outra información de interese sobre convenios de colaboración, noticias ou accións que se desenvolvan.

Deste xeito a plataforma web iMit (imit.xunta.es) busca consolidarse como nun espazo útil e próximo á cidadanía, ás empresas e a outras institucións públicas e privadas, que satisfaga as actuais demandas sociais en materia de Sociedade da Información e que sirva de punto de partida no impulso que o Goberno galego está a dar ao desenvolvemento das tecnoloxías da información e da comunicación na Comunidade.

Novo modelo de Administración electrónica

A nova web de iMit intégrase na liña de traballo que está a seguir a Administración Autonómica galega para facer realidade un modelo de eAdministración no que os servizos públicos electrónicos non son só tecnoloxía, senón unha ferramenta para acadar un achegamento da Administración á cidadanía, cunha unha mellor visibilidade para os usuarios, conseguido tamén un aforro de custes e unha mellora da produtividade dos propios empregados públicos.

Este modelo consiste non só en trasladar servizos da Administración á Rede, senón tamén en ter en conta como levalos, con que esforzos e implicacións, pensando no máximo aproveitamento da súa organización e os seus procedementos asociados, colocando o cidadán no centro e focalizando a interacción, a mellora dos servizos e a redución de custes.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia