A TIC cubre máis do 80% da prazas para cursar estudos na Escola de Imaxe e Son de Lugo

No primeiro módulo, cubríronse todas as prazas e, no de Produción, o 63%. Neste último caso, o centro educativo manterá aberto o prazo de matrícula libre e directa ata cubrir as 8 que faltan. Por tanto, os interesados en cursar estudos de Produción poden matricularse na sede da Escola, situada na rúa Frei Plácido Rei Lemos, en horario de 9:00 a 14:00 horas. En total, o centro educativo oferta 44 prazas, 22 para cada un dos ciclos formativos.
A Escola de Imaxe e Son de Lugo é o único centro da provincia onde se imparte formación no eido do audiovisual. O centro ten como eixo fundamental a combinación de formación e práctica en contextos e escenarios reais, o que permite vencellar directamente a formación dos alumnos ás necesidades e esixencias das empresas do sector audiovisual. Deste xeito, dende o inicio da actividade da EIS, no ano 2003, máis de 125 alumnos cursaron os seus estudos de Produción e Realización. En 2009 foi o curso no que, por primeira vez, se cubriron todas as prazas e no que, debido o aluvión de demandantes, houbo unha ampla lista de espera.
Na actualidade, a Fundación TIC mantén relación con máis de 60 empresas nacionais e mantén convenios de colaboración cunha decena de entidades sociais, para difundir o seu labor sen ánimo de lucro. A través destas colaboracións, a Deputación de Lugo dá un novo impulso á relación que a EIS mantén co sector empresarial para a realización de prácticas dos seus alumnos e na procura da súa inserción laboral ó remate dos seus estudos.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo