Skip to main content

Galiciadixital recala en Lugo conmemorando os 25 anos da CRTVG

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, expresou a súa satisfacción por levar a esta cidade a exposición itinerante e interactiva da Secretaría Xeral de Medios, Galiciadixital, que se atopará na delegación territorial da Xunta de Galicia ata o vindeiro sábado, 9 de outubro.

Durante o acto de inauguración a delegada territorial lembrou que a exposición foi visitada no que vai de ano por máis de 20.000 persoas nas distintas localidades que a acolleron e que en total pasaron pola exposición nas dúas vertentes de itinerante e permanente preto de 650.000 persoas desde a súa orixe no ano 2000, o que a converte na segunda exposición máis visitada de Galicia. Pola súa banda, a directora da TVG, Rosa Vilas, manifestou o orgullo da entidade por celebrar os seus primeiros 25 anos e amosouse “enormemente satisfeita de facelo no escaparate privilexiado da exposición Galiciadixital da Secretaría Xeral de Medios”.

Raquel Arias subliñou tamén que todos os contidos que se exhiben na mostra están feitos por empresas e universidades galegas e anunciou que, do mesmo xeito que se incluíu na programación de saídas deste ano a visita a centros de persoas maiores e complexos hospitalarios, neste curso escolar a mostra visitará tamén varios centros de persoas con discapacidade sendo a próxima inauguración no centro ASPRONAGA de Oleiros, na Coruña.

Arias invitou a todos os veciños e veciñas de Lugo e do seu ámbito de influenza a “pasearse por esta exposición que como novidade se achega a un grupo importante da poboación como son os funcionarios que poderán visitala coas súas familias precisamente no seu lugar de traballo”.

Galiciadixital, que pode visitarse gratuitamente ata o sábado en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas incluirá os seus contidos habituais como o xogo “Aerodeslizadores por Compostela”, no que poderán descender pola zona histórica dunha cidade galega virtual nun futurista “aerodeslizador” desenvolvido pola Universidade de Santiago de Compostela. Tamén poderán xogar co canciño “Axóuxere” ou converterse en tiraboleiros do Botafumeiro da Catedral de Santiago por un día, grazas ao tiraboleiro virtual.

Ademais, os visitantes poderán somerxerse nun mundo virtual a través de proxeccións en tres dimensións como “As cidades do camiño”, visualización de imaxes panorámicas de 360º nunhas pantallas que colgan do teito, onde cada un dos usuarios poderá realizar paseos virtuais xirando a pantalla coas súas mans por aquelas cidades polas que discorren os diversos camiños de peregrinación a Santiago.

Entre os últimos contidos incorporados á exposición destaca a película en catro dimensións “Meta do Camiño”. Trátase dunha curtametraxe en 4-D, é dicir, tres dimensións acompañada por efectos especiais de vento, aroma e fume, onde un peregrino acompaña e ilustra ao visitante nun breve percorrido polos lugares máis relevantes da catedral de Santiago de Compostela. Algúns destes sitios non son accesibles doadamente para o visitante convencional, como o altar maior, o órgano, o sepulcro, os tellados ou o impactante botafumeiro que os visitantes poderán alcanzar coas súas propias mans.

Aniversario de CRTVG

Por outra banda a mostra acollerá, durante a súa estadía en Lugo, unha serie de contidos encamiñados a celebrar os 25 anos de vida da CRTVG, como un vídeo conmemorativo que recolle diferentes momentos que marcaron o pasado e o presente da compañía, unha zona expositiva de obxectos relacionados coa radio e a televisión e unha serie de paneis ilustrativos da historia do ente autonómico. Tamén, grazas ao plató “Chroma Key”, os que o desexen poderán converterse en presentadores de informativos, situándose nun espazo desde o que se verán reflectidos nunha pantalla TFT de gran formato.

A través da exposición Galiciadixital, a Secretaría Xeral de Medios pretende amosar a galegos e galegas de todas as idades os contidos audiovisuais e multimedia realizados por empresas e universidades da comunidade, valéndose para iso dunha experiencia interactiva diferente á dos museos convencionais, na que os visitantes non son simples espectadores, senón que participan en todo o percorrido.
Gabinete de Comunicación da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo