Skip to main content

Balance despois da XXXII Semana de Cine de Lugo

O mesmo que nas anteriores edicións, o ciclo de cine infantil e as proxeccións das 8 da tarde do Auditorio, do ciclo dedicado á Muller foron as máis concorridas, sendo tamén de destacar as das películas a concurso, na que resultou gañadora o filme La Caja de Pandora. Peza fundamental da Semana foi a investigación sobre a figura do gran actor de teatro e de cine galego-arxentino Enrique Muíño, efectuada por Manuel Curiel, director da Semana, que cristalizou na edición do libro ENRIQUE MUÍÑO, O GAUCHO GALEGO, e na publicación do documental sobre a vida e obra deste actor, dirixido polo arxentino Federico Santillana.

Muíño naceu no último cuarto do século XIX no concello coruñés de A Laracha, onde nada sabían da súa procedencia, pero a raiz da presencia do Alcalde do Concello invitado á inauguración oficial da Semana, celebrarán o próximo Nadal actos de homenaxe a este seu fillo destacado.

Queda aínda da Semana a exposición de Enrique Muíño, instalada no refectorio do Museo Provincial de Lugo, e a denominada Peplum, de cine de romanos, organizada con motivo do décimo aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade e aberta na Biblioteca Provincial de Lugo. Ámbalasdúas mostras estarán abertas durante todo o mes de outubro.

Restan, asi mesmo, proxeccións cinematográficas en vilas da provincia de Lugo de filmes incluidos na programación da Semana, como extensión da Semana lucense a escala provincial.

Co agradecemento a todos os asistentes ás proxeccións da Semana, o Grupo Fonmiñá quere testemuñar ás entidades patrocinadoras e colaboradoras o seu recoñecemento: Xunta de Galicia, Xacobeo, Concello de Lugo, Deputación Provincial de Lugo-Vicepresidencia 1ª, Fundación Caixa Galicia, Universidade de Compostela-Campus de Lugo, Galicia Digital e Colexio oficial de Arquitectos de Galicia.
Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá