Skip to main content

Galiciadixital amosa en Oleiros unha nova viaxe interactiva pola comunidade e ao redor dos 25 anos da CRTVG

O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, expresou en Oleiros a súa satisfacción por levar a esta localidade a exposición itinerante e interactiva da Secretaría Xeral de Medios, Galiciadixital, que poderá visitarse no Centro Laboral Lamastelle ata o vindeiro sábado 23 de outubro.

Durante o acto de inauguración, o secretario lembrou que todos os contidos que se exhiben na mostra están feitos por empresas e universidades galegas e anunciou que, do mesmo xeito que se incluíu na programación de saídas deste ano a visita a centros de persoas maiores e complexos hospitalarios, neste curso escolar a mostra visitará tamén varios centros de persoas con discapacidades como o de Oleiros. Así, antes de acabar o ano está previsto que Galiciadixital visite Aspanas, en Ourense, e Prodeme en Monforte de Lemos.

Pola súa banda, o director de Comunicación da CRTVG, Fernando Ojea, manifestou o orgullo da entidade por celebrar os seus primeiros 25 anos e amosouse “enormemente satisfeito de facelo no escaparate privilexiado da exposición Galiciadixital da Secretaría Xeral de Medios”.

Durante a súa intervención, o presidente de Aspronaga, Álvaro Martínez, agradeceu á Secretaría Xeral de Medios que incluise á asociación na programación de saídas da mostra que poderá visitarse gratuitamente no Centro Laboral Lamastelle de Oleiros de luns a venres en horario de 9:00 a 13:30 e de 15:00 a 18:30 horas, e o sábado de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.

Galiciadixital inclúe os seus contidos habituais como o xogo “Aerodeslizadores por Compostela”, no que poderán descender pola zona histórica dunha cidade galega virtual nun futurista “aerodeslizador”. Tamén poderán xogar co canciño “Axóuxere” ou converterse en tiraboleiros do Botafumeiro da Catedral de Santiago por un día, grazas ao tiraboleiro virtual.

Ademais, os visitantes poderán somerxerse nun mundo virtual a través de proxeccións en tres dimensións como “As cidades do camiño”, visualización de imaxes panorámicas de 360º nunhas pantallas que colgan do teito, onde cada un dos usuarios poderá realizar paseos virtuais xirando a pantalla coas súas mans por aquelas cidades polas que discorren os diversos camiños de peregrinación a Santiago.

Entre os últimos contidos incorporados á exposición destaca a película en catro dimensións “Meta do Camiño”. Trátase dunha curtametraxe en 4-D, é dicir, tres dimensións acompañada por efectos especiais de vento, aroma e fume, onde un peregrino acompaña e ilustra ao visitante nun breve percorrido aos lugares máis relevantes da catedral de Santiago de Compostela. Algúns destes sitios non son accesibles doadamente para o visitante convencional, como o altar maior, o órgano, o sepulcro, os tellados ou o impactante botafumeiro que os vistantes poderán alcanzar coas súas propias mans.

Aniversario de CRTVG

Por outra banda a mostra acollerá, durante a súa estadía en Oleiros, unha serie de contidos encamiñados a celebrar os 25 anos de vida da CRTVG, como un vídeo conmemorativo que recolle diferentes momentos que marcaron o pasado e o presente da compañía, unha zona expositiva de obxectos relacionados coa radio e a televisión e unha serie de paneis ilustrativos da historia do ente autonómico.

Tamén, grazas ao plató “Chroma Key”, os que o desexen poderán converterse en presentadores de informativos, situándose nun espazo desde o que se verán reflectidos nunha pantalla TFT de gran formato.

A través da exposición Galiciadixital, a Secretaría Xeral de Medios pretende amosar a galegos e galegas de todas as idades os contidos audiovisuais e multimedia realizados por empresas e universidades da comunidade, valéndose para iso dunha experiencia interactiva diferente á dos museos convencionais, na que os visitantes non son simples espectadores, senón que participan en todo o percorrido.

A mostra foi visitada, nas súas dúas dimensións de itinerante e permanente, por preto de 650.000 persoas dende a súa orixe, no ano 2000, o que a converte na segunda exposición máis visitada de Galicia.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia