Skip to main content

A Fundación TIC participa na Mostra Itinerante de Cine Español feito por Mulleres

A Fundación TIC participa na Mostra Itinerante de Cine Español feito por Mulleres, a iniciativa impulsada polo Instituto da Muller que por primeira vez se celebra na provincia. O organismo audiovisual dependente da Deputación súmase, deste xeito, ó impulso das longametraxes realizadas por directoras do país co obxectivo de reivindicar o seu traballo e loitar por facerlle un oco no difícil mundo da industria cinematrográfica e audiovisual de España. Segundo datos do Observatorio Audiovisual Galego, das 115 películas proxectadas en Galicia dende o ano1986 ó 2008, só 11 foron dirixidas por mulleres.

Deste xeito, o luns ás 19:00 horas, a directora do centro de produción de programa da Fundación TIC, Marga Soilán, xunto á Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, á directora, Chus Gutiérrez, e á técnica da mostra, Ana Isabel Palacios, ofrecerán un coloquio ó respecto no Centro de Convivencia Maruja Mallo da capital. A entrada é gratuíta. Logo do mesmo, ás 20:00 horas, proxectarase a película “Retorno a Hansala” de Chus Guitiérrez.

O martes á mesma hora, os interesados poderán ver “El niño pez” de Lucía Puenzo. O mércores será o turno de “Tres días con la familia” de Mar Coll, e o xoves, de “La luna en ti”, obra da directora Diana Fabianova.

Ademais de Lugo, a Mostra Itinerante de Cine Español feito por Mulleres, chegará a Benidor, Jaén, Murcia e Gijón.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo