Skip to main content

A TDT, a banda longa e as novas canles de radio e televisión, a debate

A comisión permanente do Consello Asesor de Telecomunicacións de Galicia abordou o Plan de reasignación dos múltiplex dixitais, que permitirá incrementar a oferta televisiva da TDT ata un número de 40 canais de televisión, incluíndo as de ámbito autonómico e local.

A xuntanza, que estivo presidida por Alfonso Cabaleiro Durán, secretario xeral de Medios e presidente do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia, é a primeira que se convoca nos últimos anos xa que na anterior lexislatura nunca chegou a convocarse. Na reunión analizouse, polo miúdo, o chamado Decreto do dividendo dixital que vai permitir liberar unha parte das frecuencias (os canais radioeléctricos do 61 ao 69 de UHF) que eran empregados, ata o de agora, por outros servizos de telecomunicacións relacionados co desenvolvemento de redes de comunicación móbiles de banda ampla.

Este decreto, segundo se constatou na reunión, terá dúas consecuencias importantes a medio prazo: por unha banda, a aparición de novos múltiplex dixitais, que desde hai unhas semanas xa están empezando a despregar as televisións coa posta en marcha de novas instalacións nos centros emisores e que se prolongará ata mediados do ano 2011; e, por outra, isto vai supoñer que os múltiplex que actualmente se podían recibir nos fogares (os canais radioeléctricos do 61 ao 69 de UHF) deberán cambiar de frecuencia, o que leva aparellado a necesidade de adaptación das antenas e a resintonización dos receptores de TDT que teñen os cidadáns, cun importante custo para os operadores, as administracións e os cidadáns.

Desenvolvemento da TDT 2010-2012

Para paliar os efectos desta necesaria reestruturación, o Goberno galego vai pór en marcha o Plan de cambio de frecuencias da TDT 2010-2012, un complemento necesario para que toda a poboación galega, especialmente no eido rural, poida disfrutar destas novas melloras no servizo de TDT.

Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia tenta minimizar o impacto dos cambios, recompilar toda a información necesaria, facela chegar oportunamente e comunicala á cidadanía para poder comprender e resolver as dúbidas e os problemas técnicos que se poidan plantexar. Para iso, nas vindeiras semanas convocaranse reunións informativas, especialmente orientadas ás Administracións locais, para detallar os obxectivos e eixes concretos deste plan.

Cabe salientar que o Plan de extensión de cobertura da TDT de Galicia posto en marcha pola Xunta xa conseguiu que practicamente a totalidade da poboación galega (máis do 98%) teña acceso á TDT, pero agora, con motivo dos cambios aos que obriga o Real Decreto do dividendo dixital, debe ser actualizado para conseguir un desenvolvemento harmónico que xere o menor impacto na poboación e que achegue a nova oferta da TDT á práctica totalidade do territorio, ademais, da introdución das innovacións tecnolóxicas como son a televisión en alta definición (HD).

Outorgamento de licenzas de radiodifusión

A comisión permanente do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia tamén abordou, na xuntanza, a necesidade da aprobación do novo decreto que regule o réxime xurídico dos prestadores do servizo de comunicación audiovisual radiofónica e que permita a adaptación á Ley 7/2010, General de Comunicación Audiovisual.

A necesidade deste decreto vén motivada, ademais, pola convocatoria dun concurso para o outorgamento de 84 licenzas para a explotación do servizo de radiodifusión sonora de carácter comercial con modulación de frecuencias. Este concurso convocarase unha vez que se aprobe e publique o decreto, para o que é necesario que se cumpran todos os aspectos procedimentais e formais polos que ten que pasar esta nova norma, entre eles, dar conta do mesmo ante o Consello Asesor de Telecomunicacións, ao que se procedeu esta mesma mañá.

Dito decreto está exposto na páxina web da Secretaría Xeral de Medios e na da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza desde o día 13 de outubro.

Plan de Banda Larga

A comisión permanente reunida tamén abordou a situación e o avance do Plan Director de Banda Larga de Galicia 2010-2013, como eixe de modernización e de desenvolvemento económico de Galicia, que ten como principal obxectivo achegar a banda larga aos cidadáns, organismos públicos e tecido empresarial galego, con especial atención ás zonas máis desfavorecidas e illadas.

Neste senso, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, anunciou que xa están en marcha máis da metade das actuacións previstas para o despregamento de infraestruturas de telecomunicacións en Galicia.

Ademais de lembrar as actuacións a desenvolver polos operadores R e Telefónica, nas que contarán con subvencións de máis de 34 millóns de euros, Mar Pereira referiuse tamén aos traballos para potenciar o operador público Retegal, que contará este ano con máis de 1.400 km de fibra óptica, a tecnoloxía máis avanzada para o acceso á banda larga, que estarán a disposición dos operadores privados.

Por último, tamén participou na xuntanza o director xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Anxo Quintanilla Louzao, quen presentou un informe sobre a situación actual do sector, as actuacións desenvolvidas polo Consorcio Audiovisual no que vai de ano, así como as previstas para o vindeiro exercicio.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia