Skip to main content

O CGAI e a Asociación de Prensa da Coruña presentan un ciclo cinematográfico dedicado a Wenceslao Fernández Flórez polo 125 aniversario do seu nacemento

O Centro Galego de Artes da Imaxe, dependente da Secretaría Xeral de Medios, presentan, en colaboración coa Asociación de Prensa da Coruña, un ciclo cinematográfico dedicado á figura de Wenceslao Fernández Flórez con motivo do 125 aniversario do seu nacemento.

A selección de filmes que se exhibirán no ciclo busca unha aproximación a algunhas das máis importantes adaptacións cinematográficas que teñen como referencia a literatura deste escritor galego, que naceu na Coruña en 1885 e faleceu en Madrid no ano 1964; unha escolma de títulos presididos polo humor e a tendencia ao relato reflexivo.

A primeira película que abrirá o programa será Los que no fuimos a la guerra, (España, 1961) de Julio Diamante, que se proxectará o vindeiro venres 5 de novembro ás 18,00 horas. Posteriormente, ás 21,00 horas, o historiador José Luís Castro de Paz presentará El malvado Caravel (España,1955), dirixida por Fernando Fernán Gómez.

O sábado 6 de novembro ás 18,00 horas exhibirase El destino se disculpa, (España, 1945) que dirixiu José Luis Sáenz de Heredia. Á mesma hora do sábado 20 de novembro, os asistentes ao ciclo poderán ver El Hombre que se quiso matar, (España, 1942), de Rafael Gil. E, finalmente, o 4 de decembro, tamén ás 18,00 horas proxectarase a última película seleccionada que será Ha entrado un ladrón, (España, 1949), dirixida por Ricardo Gascón.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia