Skip to main content

CDG e RG convocan o V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

O Centro Dramático Galego (CDG) e a Radio Galega convocan a quinta edición do Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico, único das súas características en Galicia e pioneiro a nivel estatal no fomento da escrita de textos dramáticos para a radio. O galardón, que conta co patrocinio da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), consolida así a súa traxectoria a prol da recuperación do formato de teatro radiofónico desde unha perspectiva contemporánea, facilitando unha plataforma de creación aberta ás novas linguaxes.

Esta nova edición do Premio, que o título do programa da Radio Galega decano da información cultural en Galicia, desenvolverase ao longo de toda a temporada. O prazo de recepción de orixinais remata o próximo 31 de decembro e, a continuación, constituirase un xurado para a súa avaliación.

Proceso de selección

Integrado por profesionais do mundo da escena e por dous representantes do espazo Diario Cultural, este xurado seleccionará as obras finalistas, que serán dramatizadas para a súa emisión por un equipo de actores e actrices coordinados polo CDG. As dramatizacións emitiranse en distintos programas da radio pública galega. Das emitidas, o xurado escollerá a obra galardoada finalmente; e a audiencia votará o texto que recibirá o premio do público.

Cada unha das dúas categorías do galardón conta cunha dotación de 3.000 euros e as obras finalistas serán publicadas nun libro-cd. Tamén está prevista unha gala de entrega de premios para a que se empregará o formato de “espazo radioescénico”, deseñado como unha emisión especial do programa Diario Cultural na que os actores e actrices interpretarán en directo e diante do público as obras galardoadas.

Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, escritos en lingua galega e non poderán ser adaptacións. Adoptarán o formato de guión radiofónico dramático, estarán calculados para que a súa duración en antena sexa de entre dez e doce minutos e terán cinco personaxes como máximo. A temática dos argumentos é libre e os autores poderán utilizar cantos recursos radiofónicos consideren necesarios para que o texto sexa realizado de maneira axeitada: música, planos sonoros, efectos, etc. O director das dramatizacións radiofónicas poderá facer as adaptacións necesarias para a súa realización e emisión.

Anteriores gañadores

David Rodríguez foi o gañador da primeira edición do Premio “Diario Cultural” con O Bambam . A obra, interpretada por Luís Tosar e Luís Zahera con dirección de Lino Braxe, recibiu tamén o premio do público. Na segunda edición distinguíronse os títulos O mal da vaca, de Begoña García Ferreira, como premio do xurado e Saltimbanqui de Lois Pérez, premio da audiencia. Na terceira edición, os escritores Rubén Ruibal e César Candelas recolleron tanto o galardóns do público coma o do xurado polo texto Peter Buckley e na edición de 2010, Vanesa Martínez Sotelo foi galardoada polo xurado co texto Indoor e Begoña García Ferreira, polo público con O vento da illa.
Gabinete de Comunicación de Agadic