Skip to main content

3,7 millóns de euros para os parques de bombeiros de Lugo

Neste Pleno foi aprobado o Orzamento para 2011 de dito organismo dotado de 3.700.918 euros, que asumirán ambas as dúas administracións ó 50%.

Desta cantidade, 2.597.000 euros adícanse á xestión do servizo. Trátase do presuposto total que recibirá ó longo deste ano as empresas que resulten adxudicatarias da xestión indirecta dos parques de bombeiros que se coñecerán a vindeira semana. Deputación e Xunta fixaron o investimento para a xestión durante 8 meses, prevendo que o primeiro pago se realice en maio, tendo en conta os prazos legais para a contratación do modelo de xestión. Unha vez adxudicada a xestión, as beneficiarias comezarán inmediatamente os procesos de selección e formación do persoal, polo que, segundo as previsións do Consorcio, os parques de bombeiros estarán a pleno rendemento en maio.

O Pleno tamén aprobou a licitación do derradeiro equipamento interno das instalacións contraincendios de Viveiro, Chantada, Sarria e Vilalba por valor de 962.717 euros. O de Barreiros xa conta con este material: dende traxes de protección, ferramentas para o mantemento das instalacións e vehículos, equipos de escalada, material informático, e ata mobiliario para as oficinas.

Con respecto ó equipamento do parque móbil, na actualidade hai 21 vehículos, 12 adquiridos pola Deputación e 5 pola Xunta en 2008. A maiores, a semana que vén resolverase a contratación dos últimos: un vehículo autobomba urbano lixeiro, un de rescate de altura de 26 metros, e outro tamén de rescate de altura neste caso de 32 metros.

Con estas actuacións, o Consorcio valora que en maio os parques contarán cun total de 90 efectivos totalmente preparados. Haberá 18 por instalación: 11 bombeiros conductores, 6 xefes de quenda-conductores, e 1 xefe de servizo. Ademais, para entón, as instalacións contarán con todo o equipamento interno e externo necesario para o seu funcionamento. Polo que se refire ás obras, a Xunta informou que a semana que vén tamén se rematarán as do parque de Viveiro, o único que estaba pendente.
Gabinete de comunicación da Deputación de Lugo