Skip to main content

O audiovisual galego, no European Film Market

user warning: Table 'web68db1.term_data' doesn't exist query: SELECT t.tid, t.*, parent FROM web68db1.term_data t INNER JOIN web68db1.term_hierarchy h ON t.tid = h.tid WHERE t.vid = 56 ORDER BY weight, name in /home/www/web64/web/modules/taxonomy/taxonomy.module on line 858.
A Xunta de Galicia promove, entre o 10 e o 18 de febreiro, a presenza do sector audiovisual galego no European Film Market de Berlín. Trátase dun dos principais mercados de cine de Europa e celébrase en paralelo á LXI edición da Berlinale. O Consorcio Audiovisual de Galicia estará presente no pavillón Cinema From Spain, espazo institucional promovido polo Instituto de Comercio Exterior (ICEX), a través dun expositor corporativo que servirá de plataforma de presentación para as empresas galegas que asistan ao evento. As produtoras galegas que participarán no EFM 2011 son: Vaca Films, O Grelo Producións, Xamalú Filmes, Continental Producciones, Costa Oeste, Frida Films, Vimbio Filmes, Artefacto Producciones, Matriuska Producciones e Cinemar Films.

O obxectivo do Consorcio Audiovisual de Galicia é contribuír á proxección do sector audiovisual galego, difundir as súas potencialidades e xerar unha imaxe de industria sólida e consolidada de cara ao exterior. Ao igual que o ano pasado, o Consorcio levará a cabo esta actividade en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).

A través do expositor galego realizaranse labores de difusión e de contacto cos axentes do sector máis relevantes para os programas de promoción do audiovisual galego. O Consorcio Audiovisual de Galicia desenvolverá accións de dinamización para procurar a máxima visualización do noso produto audiovisual e ofrecerá asesoramento in situ, atendendo necesidades puntuais ou pequenas xestións que poidan xurdir para facilitar o traballo das empresas.

Catálogo actualizado

Entre as accións de promoción previstas, a Xunta de Galicia difundirá no European Film Market o catálogo “Films from Galicia”, que recolle obras audiovisuais de ficción, documental e animación en formato longametraxe realizadas en Galicia entre os anos 2009 e 2011. O traballo xa foi remitido electronicamente aos profesionais acreditados no EFM e, neste momento, son numerosas as respostas recibidas nas que manifesta o interese en manter reunións cos representantes das produtoras galegas que estarán no mercado.

A presenza no EFM enmárcase dentro das actuacións previstas no Plan de Actividades 2011, aprobado polo Consorcio Audiovisual de Galicia o pasado 27 de xaneiro, no que se contemplan diferentes accións destinadas a consolidar e reforzar a presenza exterior do produto audiovisual galego en foros e mercados no ámbito español e internacional.

A través do Consorcio Audiovisual de Galicia, a Xunta pretende a participación do noso sector audiovisual, considerado como estratéxico, nos encontros internacionais máis representativos e con maior volume de negocio. En concreto, o Consorcio Audiovisual de Galicia ten prevista tamén a súa participación en tres eventos centrais no mercado audiovisual internacional que terán lugar en Cannes. Trátase da Marché international des contenus audiovisuels, que se desenvolverá do 4 ao 7 de abril; a Marché du Film, que terá lugar do 11 ao 20 de maio en paralelo ao Festival de Cine, e o MIPCOM 2011, que se celebrará entre o 3 e o 7 de outubro. O CAG estará presente ademais no mercado internacional de longametraxes que se celebra en Toronto, do 9 ao 19 de setembro, coincidindo co Festival de Cine.

Fotografía: arquivo GD.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia