Skip to main content

Ana Vallés dirixe para o CDG a dramatización das finalistas do V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

user warning: Table 'web68db1.term_data' doesn't exist query: SELECT t.tid, t.*, parent FROM web68db1.term_data t INNER JOIN web68db1.term_hierarchy h ON t.tid = h.tid WHERE t.vid = 56 ORDER BY weight, name in /home/www/web64/web/modules/taxonomy/taxonomy.module on line 858.
O Centro Dramático Galego (CDG) realizou a adaptación para a radio das catro obras finalistas do V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que a compañía pública organiza xunto coa Radio Galega e co patrocinio da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais). Baixo a dirección de Ana Vallés, un elenco integrado por sete actores e actrices –Mónica Camaño, Margarita Fernández, Manu Lago, Roberto Leal, Laura Ponte, Nuria Sanz e Marcos Vieitez– pon voz aos personaxes dos textos Carne de canón, Paraísos, Señora Carmen e Como eliminar as manchas de vómito, que se emiten ata o vindeiro día 25 de marzo en diferentes espazos da Radio Galega.

O CDG mantén deste xeito a súa colaboración coa radio pública co obxectivo de promover a difusión do xénero teatral especialmente realizado para o medio radiofónico, ademais de levar a cabo labores de asesoramento e dirección na interpretación destas adaptacións.

Dúas categorías

A dramatización das obras tamén estará dispoñible proximamente para a súa escoita a través da paxina web da Compañía de Radio Televisión de Galicia, www.crtvg.es, de xeito que os oíntes terán unha oportunidade máis de acceder a estas obras e emitir o seu voto para elixir o Premio da Audiencia. Tamén na última semana de marzo, coincidindo coa celebración o día 27 do Día Mundial do Teatro, un tribunal integrado por profesionais do mundo da escena e por dous representantes do programa Diario Cultural, promotor do galardón homónimo, elixirán o Premio do Xurado entre as catro finalistas.

Cada unha destas dúas categorías conta cunha dotación económica de 3.000 euros. Ademais, as catro obras finalistas serán publicadas nun libro-cd dentro da colección Teatro Radiofónico que mantén Edicións Xerais de Galicia.

A gala de entrega dos premios celebrarase o 3 de maio no Salón Teatro de Santiago de Compostela e, ao igual que en edicións anteriores, empregará o formato de "espazo radioescénico", deseñado como unha emisión especial do Diario Cultural na que os actores e actrices interpretarán en directo e diante do público as obras galardoadas.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia