Skip to main content

O CGAI incorpora aos seus fondos filmes documentais históricos sobre o campo

O Centro Galego de Arte da Imaxe (CGAI) incorporará aos seus fondos un conxunto de filmes documentais históricos relacionados coa agricultura e co traballo no campo galego. O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, e o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, asinaron o convenio de cesión deste conxunto documental, que permitirá que a filmoteca galega investigue e catalogue as películas.

Os fondos ata o de agora baixo custodia da Consellería do Medio Rural están compostos por aproximadamente 350 copias de películas en 16 mm. e 35 mm., que se corresponden con ao redor de 100 títulos. Unha parte deles son documentais que inclúen localizacións en Galicia e ilustran sobre o traballo no agro do país.

En virtude do convenio asinado, o CGAI poderá realizar as investigacións necesarias para clasificar, localizar, datar e catalogar o conxunto das copias, así como para obter interesante información histórica e antropolóxica relacionada tanto co cine como coa vida no medio rural na época á que corresponden.

Entre as películas que se integrarán nos fondos do Centro Galego de Artes da Imaxe atópase o documental Lúpulo, que inclúe localizacións nos cultivos de lúpulo da área de Betanzos. Este documental foi realizado no ano 1950 por Jesús Francisco González de la Riva y Vidiella, Marqués de Villa Alcázar, un dos principais impulsores, desde o ano 1942, do Servizo de Cinematografía do Ministerio de Agricultura.

O labor pedagóxico do Servizo de Extensión Agraria

Así mesmo, figura nos fondos cedidos ao CGAI o filme La mujer y la comunidad rural, filmada por Francisco de la Calle en 1972 para o Departamento de Cinematografía do Servizo de Extensión Agraria, cuxa finalidade fundamental era a de difundir as innovacións e coñecementos na agricultura e no medio rural.

Tamén producidos polo Servizo de Extensión Agraria foron os títulos Lires, Alborada ou Comunidad de aguas de San Julián de Vigo, nos que poden verse aos axentes do Ministerio de Agricultura aconsellando melloras nas condicións de explotación e optimización de recursos nas comunidades rurais do país.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia