Skip to main content

O filme Vilamor presentouse no Museo Provincial de Lugo

O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antón Bao, asistiu á presentación da película “Vilamor” no Museo de Lugo, acompañado polo propio director do filme, Ignacio Vilar, así como os actores Rubén Riós, Sabela Arán, Manuel Lourenzo, Mayca Braña, César Cambeiro, Manuel Cortés, Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”, Juan Francisco Núñez e Carmen Torneiro. A Área de Cultura achega un total de 120.000 euros (60.000 este ano e 60.000 o ano que ven) para a realización deste filme, escrito por Ignacio Vilar e Carlos Asorey, que conta a historia dun escritor de éxito que volve á aldea de Vilamor na que, 33 anos antes, viviu unha experiencia que lle cambiou a vida.

Na súa intervención, Antón Bao explicou que “a Área de Cultura apoia decididamente o audiovisual galego e tamén este proxecto, xa que ten un importante compoñente cultural e de creación que debe ser apoiado polas institucións”. Explicou que “consideramos que o proxecto da película Vilamor descobre dunha forma literaria unha parte da historia do territorio no que transcorre e, polo tanto, da historia de Lugo”. Manifestou a súa satisfacción xa que “os habitantes da Fonsagrada e de Negueira de Muñiz, onde se desenvolve o filme, son tamén protagonistas da película, e é de agradecer que se impliquen neste tipo de iniciativas, xa que contribúen á prosperidade futura dese territorio ao difundilo e colaborar no desenvolvemento económico do lugar”. O vicepresidente deu os parabéns “a todos os que participan na película, aos habitantes da Fonsagrada, de Negueira de Muñiz e doutras partes da comarca que aparecen no filme, e a Ignacio Vilar por idear este proxecto e convertelo en realidade”.

Pola súa banda, Ignacio Vilar agradeceu o apoio da Vicepresidencia Primeira da Deputación e comentou que “debería haber unha política que protexera máis as creacións cinematográficas de aquí, xa que si o goberno tivera unha política audiovisual axeitada, non necesitaríamos apoios institucionais”. Explicou que “é fundamental aportar a nosa visión, contar as nosas historias… e non perder a ilusión de que a utopía poida chegar a ser realidade”.

Baixo o lema “Soñábamos cun mundo mellor. Decidimos facelo realidade”, os protagonistas da película desenvolven unha historia de ficción inspirada nunha utopía que pode facerse realidade: un mundo mellor, máis xusto, e con máis igualdade (máis información na web da película, www.vilamor.eu) . O filme desenvolvese en galego, respectando as características da fala da montaña de Lugo onde está rodada, e estrearase a finais deste ano.

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo