Skip to main content

Os colexios de xornalistas de Galicia e Cataluña lamentan que o Constitucional non se pronuncie sobre os bloques electorais

As xuntas de goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e do Col·legi de Periodistes de Catalunya (CPC), lamentan que o Tribunal Constitucional (TC) non se pronunciara sobre o fondo do recurso presentado polas dúas entidades contra a imposición de bloques electorais nos medios de comunicación públicos.

O TC non o admitiu a trámite porque ‘incorre en falta de esgotamento dos recursos na vía xudicial’.

Os dous colexios decidiran acudir ao máximo tribunal español despois de que o Supremo rexeitase o recurso presentado contra a resolución da Xunta Electoral Central que obriga ás televisións públicas a reservar tempos e unha orde fixos nos seus informativos diarios para dar conta da actividade de campaña das distintas formacións políticas que concorren ás eleccións.

Naquel momento, os dous colexios consideraron que suxeitar a emisión de información relativa a cada partido a un minutaje e unha orde estrita -agora ampliada ás canles xestionadas por empresas privadas- vai en contra do deber democrático de separar a información da opinión e da propaganda.

Os órganos de representación dos xornalistas de Galicia e Cataluña reafírmanse de novo nesa posición. Os criterios cos que se debe seleccionar e transmitir a información son os de relevancia e interese público e non o interese partidario. Por tanto, a relevancia e a presenza que deba ter unha proposta política nun espazo informativo dunha televisión pública debe estar determinada pola transcendencia e relevancia pública de tal proposta e non pola representación parlamentaria que teña determinada formación política. Eses criterios son os que diferencian a información da propaganda.

Os colexios queren lembrar, ademais, que conforme á Constitución Española, os titulares do dereito á información son os cidadáns e os que teñen o deber de darlle satisfacción a ese dereito son os medios de comunicación, especialmente os públicos, e os xornalistas.

Por todo isto, as dúas xuntas de goberno lamentan que o seu recurso non fose admitido polo TC por unha cuestión de forma, e non renuncian a seguir buscando as vías legais posibles para desfacerse duns bloques que entran en flagrante contradición co dereito á información dos cidadáns, recollido no artigo 20 da Constitución.
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia + Col·legi de Periodistes de Catalunya