Skip to main content

O CGAC acolle o concerto do grupo S@X21 que explora o fenómeno da TV

O auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) será o escenario do concerto titulado Sound TV/TV Sons do grupo S@x21, un evento que reúne o martes 28 de xuño no seu programa a obra de compositores como Pedro Rebelo, Fausto Romitelli, Rico Gubler, Ángel Faraldo, Germán Alonso e Frank Bedrossian. Esta mesma mañá, o grupo amosou un aperitivo mediante unha intervención musical que tivo lugar na Praza do Toural. A cita supuxo un ensaio a pé de rúa da actuación que se celebrará mañá ás 20.30 horas no CGAC. Este concerto forma parte do ciclo Música e Arte: Correspondencias sonoras, unha proposta na que se vincula a música contemporánea con cada unha das exposicións programadas do centro.

O grupo S@X21 explora o fenómeno da televisión por medio dun programa que inclúe catro pezas xa creadas con anterioridade (Exposure, Trush TV Trance, Loud-speakers, Propaganda) e dúas novas creacións compostas especificamente para este espectáculo: If God is in the TV, then Rock is deader than dead de Germán Alonso (Madrid, 1984) e o Feedback Study #3b - "slow motion" de Ángel Faraldo (Ferrol, 1980).

O punto de partida é a consideración da televisión como medio de transmisión de mensaxes, que poden ser transformadas e/ou manipuladas en sentidos moi diferentes. Exposure de Pedro Rebelo (Portugal, 1970), explora o espazo entre a determinación e a indeterminación: materiais acústicos obtidos froito dunha disxunción das técnicas interpretativas son manipulados pola electrónica, creando situacións sonoras de certa ambigüidade. En Propaganda, de Franck Bedrossian (Francia, 1971), esas mensaxes acústicas son, ademais de manipuladas, amplificadas ata o exceso, confundindo o que é real do que está manipulado, transformado, poñendo de releve a “violencia da propaganda.”

A inmediatez, a espontaneidade e a modernidade do medio televisivo podemos relacionalos coa gran difusión que hoxe en día teñen as músicas populares, especialmente o rock e o pop en todas as súas variantes. Un elemento característico destas músicas é a utilización da guitarra eléctrica, instrumento fetiche dun dos compositores presentes neste concerto, Fausto Romitelli (Italia, 1963-2004), e que será a ferramenta musical protagonista do Trash TV Trance, título moi elocuente respecto á valoración de certos contidos televisivos; unha peza eléctrizante cercana á psicodelia e coas características da música deste compositor de culto: tratamento do son como materia a esculpir, repetición rítmica como medio de crecemento formal e un certo expresionismo no discurso musical.

O desenvolvemento tecnolóxico non é alleo aos medios visuais e sonoros, que terá unha pincelada neste concerto na interpretación do Loud-speakers de Rico Gubler (Suíza, 1972): catro fontes sonoras que recrean un medio de difusión cuadrafónico que S@X21 explora neste concerto a través da espacialización, e onde o silencio xoga un papel importante como elemento de enerxía e tensión.

O “concepto de realimentación (feedback) como mecanismo xerador de son e a relación entre os intérpretes e os sistemas involucrados” son o eixo común que teñen a serie de Estudos sobre Realimentación (Feedback Study Series), ciclo de cinco grupos de obras do compositor, artista sonoro, improvisador e deseñador de instrumentos dixitais Ángel Faraldo.

Medios e expresións sonoras comúns ao mundo televisivo, electrónica como manipulación, alteración ou amplificación de mensaxes (propaganda), a actitude do telespectador e referencias aos contidos televisivos son ideas presentes neste concerto; e como na televisión, testemuña inmediata da actualidade, a proposta musical que se escoitará mañá está entroncada coa actualidade e a realidade da música actual.

Ademais, mañá, ás 19.30 horas, Xaime Fandiño, profesor de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade de Santiago de Compostela guiará a exposición Estades preparados para a televisión?
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia