Skip to main content

O Grupo Estudos Audiovisuais da USC propón melloras na difusión do audiovisual na lusofonía

O grupo de investigación de Estudos Audiovisuais (GEA), que dirixe a catedrática Margarita Ledo no departamento de Ciencias da Comunicación, fai estas valoracións a modo de conclusión do primeiro proxecto de investigación arredor das barreiras que dificultan a correcta circulación de produtos audiovisuais galegos nos países lusófonos, entendendo este como un espazo-proxecto para a circulación e o intercambio da comunicación e a cultura. Este será ademais o eixo temático do relatorio que abrirá o IX Congreso Internacional da Comunicación Lusófona que se celebra en Sao Paulo entre os días 4 e 6 de agosto.

Sendo a dispersión xeográfica unhas das características da comunidade lusófona, o grupo recomenda á vista dos resultados alcanzados o uso de Internet como plataforma de difusión e punto de contacto da poboación coa produción cultural galega.

Segundo os investigadores, a visibilidade da produción cultural e audiovisual en lingua galega pasa por establecer programas concretos, a curto e medio prazo, coa lingua como elo de unión, como por exemplo mostras, ciclos e lugares coa conseguinte difusión en medios de comunicación convencionais. Neste mesma dirección, o GEA tamén apunta a creación dun ‘Instituto Rosalía’ con implantación en cidades como Bahia, Sao Paulo, Porto ou Luanda, ou os acordos de programas culturais bilaterais, incluídas as televisións públicas.

No ámbito empresarial, os investigadores avogan pola creación dun apartado específico dedicado á Lusofonía na páxina web da Televisión de Galicia; ou pensar no mercado lusófono como un espazo de negocio ao que orientar unha liña de subtitulado aínda non desenvolvida empresarialmente en Galicia. Ademais, o traballo desenvolvido chama a reparar na literatura como “icono central dunha cultura” así como a ter en conta a receptividade observada no desenvolvemento da investigación arredor do cinema de animación.

A investigación
‘Lusofonía, interactividade e interculturalidade’ desenvolveuse ao longo dos últimos tres anos, dende 2009 en liña con centros universitarios de Brasil, Portugal e Guinéa-Bissau. A través dunha web, o grupo someteu mostras do audiovisual galego á valoración de alumnos e profesores de universidades dos países colaboradores, que debían cubrir unha serie de cuestionarios.

Ademais, o proxecto contou dende un principio co interese de diversas empresas representativas do audiovisual galego cuxas achegas e suxestións permitiron enfocar estratexicamente determinadas liñas da investigación de maneira que, explican os investigadores, tamén fose operativa para o sector empresarial. Televisión de Galicia, Cinemar, Merlín Comunicación, Bren Entertainment e Imaxin|Software foron as entidades asociadas ás que o GEA ofreceu recomendacións concretas para facilitar a súa introdución no mercado lusófono.

Rede virtual pioneira
Tomando como alicerces fundamentais a aplicación das novas tecnoloxías e as redes sociais ao proceso investigador, creouse unha intranet de xestión específica para o proxecto que permitiu unha relación dinámica dos membros do equipo de investigación cos profesores e estudantes dos grupos de recepción.

A plataforma serviu de soporte para diversas pezas representativas do audiovisual galego, escolmadas dende o GEA, que foron reproducidas en streaming polos grupos de recepción, activándose de xeito automático diversos cuestionarios de análise respondidos on line. A propia experiencia investigadora significou o establecemento dunha rede virtual pioneira no intercambio de coñecemento no ciberespazo lusófono contribuíndo á existencia de espazos tecnolóxicos e sociais abertos ao debate.

O equipo investigador que levou a cabo a investigación, dende o Grupo de Estudos Audiovisuais, estivo integrada pola catedrática Margarita Ledo como investigadora principal, os profesores Francisco Campos, Enrique Castelló, Marta Pérez, Ana Isabel Rodríguez e Xosé Pereira (colaborador), e os licenciados Xan Gómez, Amanda Paz, Silvia Roca e María Salgueiro.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)