Skip to main content

Un novo dicionario en liña propón un modelo de pronuncia estándar para 60.000 formas do léxico común galego

Este novo recurso baséase na información fonética do Dicionario de pronuncia da lingua galega, do profesor Xosé Luís Regueira, publicado pola Real Academia Galega en 2010 no marco dun proxecto desenvolvido polo Instituto da Lingua Galega.

Ademais da transcrición fonética que se ofrece nesta publicación, a versión electrónica do dicionario permite escoitar 60.000 pronuncias do léxico común galego na súa variedade estándar, que foron gravadas coa colaboración da Compañía de Radio/Televisión de Galicia (CRTVG).

Os obxectivos prioritarios deste novo dicionario en liña, accesible no sitio web http://ilg.usc.es/pronuncia, son facilitarlles a aprendizaxe ás persoas que estudan galego e, por outra, ofrecerlles un modelo oral de referencia e de consulta aos profesionais que traballan coa lingua falada, como é o caso de xornalistas, dobradores, profesorado etc. Para isto, conta cun buscador no que poden introducirse palabras ou cadeas de caracteres. A páxina de resultados presenta a forma, a categoría gramatical, a transcrición e o arquivo de voz.

Este recurso tamén busca contribuír á normalización da lingua galega, á calidade e ao seu prestixio, en canto que difunde un modelo de pronuncia estándar para o idioma, útil sobre todo para o seu uso nos medios orais de comunicación e noutros ámbitos de difusión do galego.

Nova versión do corrector lingüístico Galgo

Ademais de promover a realización dicionario de pronuncia en liña, a Secretaría Xeral de Política Lingüística está a promover e a apoiar outros recursos tecnolóxicos que tamén contribúen á calidade da lingua e ao seu prestixio social, e que lle ofrecen á cidadanía novas oportunidades para sentirse máis segura traballando e comunicándose en galego. É o caso da nova versión do corrector lingüístico Galgo, da empresa Imaxín Software, que estará dispoñible proximamente. Esta nova versión implementarase nas aplicacións ofimáticas Office 2003, 2007, 2010 e, por primeira vez no contorno de Apple, tamén no Word para Mac.


Gabinete de comunicación da consellería de educación e ordenación universitaria