Anxo lorenzo reúnese cos novos lectores que difundirán o galego en universidades españolas e estranxeiras
Os novos lectores e lectoras de galego, un total de nove, iniciarán o seu desempeño profesional no curso académico 2011-2012 en catro universidades españolas e en cinco estranxeiras. As universidades de destino españolas son a Complutense de Madrid, a de Barcelona, a de Granada e a de Deusto (Bilbao). No estranxeiro, os lectorados que incorporan un novo profesor son, en Italia, a de Padua e a de La Sapienza (Roma). Outros dous lectores desempeñarán o seu labor en Portugal, na Universidade do Algarve e mais na do Minho. Finalmente, o lectorado alemán da Universidade de Heildelberg tamén incorporará un novo lector a partir do curso 2011-2012.
Os profesores lectores de galego levarán a cabo nestas universidades un importante labor académico a través da impartición de aulas de lingua e de literatura. Neste sentido, o secretario xeral animounos a que estimulen o interese do seu alumnado e a que, ademais, se convertan en dinamizadores do idioma desde o ámbito cultural, tanto dentro como fóra do ámbito universitario.
O papel dos lectorados na proxección internacional do galego
A Secretaría Xeral de Política Lingüística convocou este ano, mediante Orde do 15 de abril de 2011, prazas en lectorados de lingua, literatura e cultura galegas de nove universidades de España, Italia, Portugal e Alemaña, que solicitaron un total de 92 persoas, 42 máis respecto da convocatoria de 2010.
Actualmente, o galego é obxecto de estudo nun total de corenta universidades de Europa e de América. A maior parte delas contan cun profesor lector, asentado en departamentos coñecidos como centros de estudos galegos. Esta posibilidade de estudar a lingua e a cultura galegas en centros de ensino superior de todo o mundo é unha realidade consolidada que leva contribuído de maneira fundamental á difusión exterior do galego, á investigación lingüística desde perspectivas moi diversas, e tamén ao prestixio da lingua entre os seus propios falantes, ao observar o interese e recoñecemento que posúe fóra.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria