Skip to main content

Expertos do proxecto INDCREA apelan á redefinición dos modelos de negocio das industrias culturais

Os desafíos das industrias culturais e creativas no novo contexto económico e tecnolóxico están a centrar o primeiro cumio académico e profesional do proxecto INDCREA, que se desenvolve en San Simón, a Illa do Pensamento, coa participación de medio centenar de especialistas en industrias culturais e creativas procedentes de seis países. Organizado pola Consellería de Cultura e Turismo –a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Fundación Illa de San Simón– e polo Consello da Cultura Galega, este foro “Galicia e as industrias culturais e creativas diante da Axenda 2020” clausurarase mañá coa presentación das conclusións arredor dos posibles escenarios de futuro do sector, tendo en conta o programa de converxencia dixital da Unión Europea.

As primeiras sesións de debate estiveron centradas en aspectos como o capital de futuro das industrias creativas e culturais, os seus retos ante a crise e os cambios que impón a sociedade multimedia, así como as tendencias e novos modelos de negocio, a través dos que os participantes tratan de definir políticas culturais orientadas á xeración de riqueza, valor engadido e emprego.

Aplicación práctica

Neste sentido, o director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero, sinalaba que deste encontro poderán saír ideas para implementar tanto desde a administración pública como desde as propias empresas, engadindo que “a cultura galega debe crer nas súas posibilidades de desenvolvemento e ir a máis”.

As primeiras propostas dos expertos reunidos en San Simón pasan pola promoción da diversidade cultural, tanto de bens e produtos como de creadores e consumidores, o desenvolvemento da creatividade, a mellora e bo uso das tecnoloxías dixitais, a creación dun marco económico para as industrias culturais con novos modelos de negocio, o apoio ás Pemes e sistemas alternativos de financiamento, así como a mellora da cohesión social a nivel interno e a cohesión políticosocial entre países. Destaca, así mesmo, a coincidencia de todos os participantes na necesidade de impulsar a formación específica para emprendedores e fomentar a investigación aplicada ás industrias culturais.

Medios de comunicación

No primeiro tramo deste encontro, abordouse especialmente o momento incerto que se está a vivir no ámbito dos medios de comunicación. En xeral, os especialistas consideran que é necesario separar xornalismo e industria, tratando de definir neste último caso un novo modelo de negocio que debería abordar tres grandes ámbitos de intervención: prezo, soportes e contido.

No que respecta ao prezo, condicionado polo arraigo da gratuidade e a caída das dúas grandes fontes de ingresos (publicidade e venda do produto), unha das solucións propostas pasa polo desenvolvemento de modelos mixtos tipo freemium e a busca da flexibilidade de prezos en función do soporte utilizado. No relativo aos soportes, debe tenderse a unha distribución multiplataforma para adaptarse a un consumo multisoporte, coas tabletas gañando terreo cara ao futuro. E falando de contidos, os expertos conclúen que debe prevalecer a relevancia das novas, así como unha maior personalización e adaptabilidade a cada consumidor, apostando por contidos hiperlocais e hipertemáticos. En calquera caso, o gran desafío é a calidade: mellores contidos que se axusten á reconversión tecnolóxica.

Audiovisual

No ámbito do audiovisual analizouse así mesmo o papel dos clúster, e os expertos destes órganos concluíron que a súa utilidade principal é colaborar na busca e redefinición de fontes de negocio alternativas á gran dependencia das subvencións públicas. Neste sentido, consideran que deben procurarse cada vez máis fórmulas colaborativas con outros clúster e entre empresas doutros lugares para expandir o mercado.

Na xornada de hoxe tamén se están a estudar sectores como o cine, a comunicación comercial, o urbanismo e territorio, a industria da moda, a industria musical, as artes plásticas e a nova creación multimedia. Xa mañá, abordarase a propiedade intelectual, para pechar o encontro coa presentación de conclusións e o acto de clausura, a cargo do director da Agadic e dos directores académicos e científicos das xornadas.

O foro está sendo retransmitido en streaming a través da canle San SimónTV, á que se pode acceder mediante a páxina web da Fundación Illa de San Simón (www.illadesansimon.org). Tamén se realiza un completo seguimento en Twitter mediante a conta @illasansimon e baixo a etiqueta #INDCREA.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia