Skip to main content

O BNG reclama debates electorais nos medios públicos galegos cara o 20-N

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, reclamou en rolda de prensa debates a tres na TVG e na TVE en Galiza.

“Emprazamos a que haxa debates coa participación das forzas políticas con representación parlamentar no ámbito de difusión do medio de que se trate”, esixiu Guillerme, “é inaceptábel que nin sequera haxa debates, que se censure o debate público”.

Por iso, o líder nacionalista anunciou que o BNG vai presentar nas Cortes unha proposición para reformar a lei de tal xeito que os debates electorais sexan obrigatorios, de maneira que ningunha forza política os poida vetar ou condicionar, “cando menos nos medios de comunicación públicos”.

Guillerme Vázquez mantivo esta mañá un encontro co Comité Interempresas da CRTVG para analizar o estado de tramitación da lei de medios de comunicación públicos de Galiza, pactada por PP e PSOE, e que ten provocado unha folga por parte das traballadoras e dos traballadores da radio e televisión galegas. No encontro estiveron tamén a viceportavoz parlamentar e portavoz na comisión de control da CRTVG, Ana Pontón, e os dous membros do Consello de Administración da compañía elixidos polo Parlamento a proposta do BNG, Montse Prado e Xosé Mexuto.

Neste encontro, tal e como detallou Ana Pontón, o BNG explicou que vai manter as emendas á lei que garantirían “o carácter público do medio e afondarían na súa democratización, moi ao contrario do texto asinado por PP e PSOE.

Guillerme amosou o apoio do BNG ás mobilizacións dos traballadores e traballadoras en contra desta lei e aos xornalistas Ana Pérez e Alfonso Hermida, represaliados por participar nelas “neste estado de neomacarthismo que impulsa Núñez Feijóo. Cremos que sempre, pero agora máis, é necesario un medio público, galego, libre, plural, non ao servizo do goberno de turno. Non pode haber democracia sen haber libre información”, concluíu o portavoz nacional.

A respecto das represalias sufridas polos xornalistas da TVG, o grupo parlamentar do BNG ten rexistrada unha proposición non de lei para a depuración de responsabilidades no seo da CRTVG e unha pregunta oral para a súa resposta en pleno a fin de coñecer a avaliación que este atentado contra os dereitos dos traballadores lle merece ao goberno.
Gabinete de Comunicación do BNG