Skip to main content

Ventana Sur promove a internacionalización do cine galego en Bos Aires

A Xunta de Galicia promove do 2 ao 6 de decembro a internacionalización do audiovisual galego no mercado ‘Ventana Sur’ que se celebrará na cidade de Bos Aires. O Consorcio Audiovisual de Galicia encabeza a presenza galega en Arxentina a través dunha delegación de 14 empresas audiovisuais que procurarán novas iniciativas de negocio mediante o contacto con produtoras de toda a área latinoamericana. Esta iniciativa conta asemade co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) ao amparo do convenio establecido entre as dúas institucións para a internacionalización do sector.

Do 2 ao 6 de decembro, ‘Ventana Sur’ acollerá diversas actuacións promovidas polo Consorcio Audiovisual entre as que destaca a proxección en pases de mercado (screenings) para as películas galegas con coprodución latinoamericana realizadas no período 2010 e 2011. O Consorcio conseguiu incluír 5 das 14 películas españolas que se presentan nestes pases dirixidos exclusivamente a compradores e vendedores do produto audiovisual. Asemade, durante o mercado de Bos Aires, presentarase oficialmente o catálogo de producións ‘Films from Galicia 2012’ ante institucións, xornalistas de prensa especializada e compradores presentes no mercado.

O Consorcio Audiovisual de Galicia organizará dous encontros dos produtores galegos con produtores de todos os países representados no mercado, por unha banda, e con produtores procedentes do Brasil, por outra. A través destas dúas xuntanzas, as 14 empresas galegas, Continental Producións, Frida Films, Tic-tac Producións, Adivina Producións, Artemática, Ficción Producións, IB Cinema, Cinemar Producións, Tv 7, Maruxiña Films, Vimbio Films, O Raio Verde, Matriuska Producións e Xamalú Filmes, terán a posibilidade de establecer contactos cara á coprodución de proxectos e á busca de novos formatos de traballo.

‘Ventana Sur’ é un mercado de recente creación, promovido polo INCAA (Instituto Nacional de Cine y Artes Audivisuales) de Arxentina en asociación coa organización responsable do Marché du Film de Cannes, o maior mercado audiovisual a nivel mundial. Neste foro danse cita un gran número de empresas produtoras de todos os países da área latinoamericana, xunto cuns 400 compradores e vendedores de produto audiovisual de todo o mundo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia