Skip to main content

A Axenda Dixital reduce en dous anos nun 60% a poboación sen internet

O Goberno galego mobilizou no período 2009-2011 anos un total de 660 millóns euros, entre capital público e privado, nas liñas de actuación estratéxicas da Axenda Dixital 2014.gal, a estratexia tecnolóxica global da Xunta. Este investimento conseguiu diminuírnun 60% a poboación sen acceso a internet na Comunidade, mellorar os servizos públicos galegos grazas a integración das TIC na Administración e contribuíra impulsar o sector da economía do coñecemento como elemento clave para incrementar a produtividade das empresas galegas.

Así se recolle no informe Balance 2009-2011 da Axenda Dixital elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), e que foi presentado aos integrantes do pleno do Observatorio para a Sociedade da Información (Osimga) xunto co plan de traballo deste organismo, dependente da Amtega, para 2012.

A directora da Amtega, Mar Pereira, explicou que o OSIMGA aprobou a incorporación, por primeira vez, como membros do pleno á Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e ás organizacións sindicais, executando así os acordos asinados na Mesa Xeral de Diálogo Social en Galicia.

Outra importante novidade é que o Observatorio estableceu unha liña de colaboración co Instituto Galego de Estatística (IGE) para elaborar as enquisas sobre a sociedade da Información nos fogares galegosevitando duplicidades e facilitando unha recollida de datos mais exhaustiva.Este acordo co IGE permitirá ademais un aforro económico de mais de 35.000 euros anuais, xa que será este o ente encargado de realizar estas enquisas.

Plan de Traballo 2012

No 2012 o Observatorio elaborará unha nova edición das enquisas sobre a Sociedade da información en Galicia, a administración electrónica na Xunta e nos concellos galegos.Ademais, o Osimga realizará, por primeira, vez un informe específico sobre o “Equipamento e uso das TIC nos autónomos de Galicia”, en colaboración coa Federación de Autónomos de Galicia (FEAGA). Trátase da enquisa máis ampla realizada entre os autónomos.

Tamén, en colaboración coa Unidade de Muller e Ciencia da Secretaría Xeral da Igualdade abordarase un estudo sobre a situación da incorporación da muller tecnóloga ao mercado laboral en Galicia e darase continuidade aos informes sobre a situación do software libre nas entidades galegas e aos estudos sobre a evolución dos indicadores de banda larga na poboación e nas empresas de Galicia.

Balance da Axenda Dixital

Mar Pereira presentou no Pleno do Observatorio o Balance da Axenda Dixital 2009-2001 e debullou as cifras das actuacións máis relevantes realizadas neste período. Así, indicou que, dous anos despois da súa posta en marcha o Plan de Banda Larga dotou de cobertura a case 460.000 habitantes dos 786.000 que carecían deste servizo en 2009, é dicir, preto 60% da poboación sen servizo. Ademais, as actuacións do Plan conseguiron reducir dun 20 a un 5,5% a fenda dixital entre a Galicia rural e urbana.

O Plan posibilitou o acceso a internet de calidade a case o 70% dos servizos públicos sen cobertura e a máis do 70% dos parques empresariais e polígonos industriais con carencias no servizo. Grazas ao Plan máis de 1 millón de galegos, teñen acceso ás redes de nova xeración con velocidades de 100Mbps.

Galicia incrementou en preto dun 35% o número de fogares con conexión de banda larga contratada con respecto ao 2009, crecendo por riba da media estatal e europea. Para incrementar este valor e diminuír a barreira económica que supón para moitas familias o acceso a este servizo, a Xunta destina este ano máis de 570.000 euros a subvencionar a contratación de Internet a familias galegas con rendas per cápita iguais ou inferiores a 9.000 euros.

Para superar a barreira da formación, especialmente entre as persoas en risco de exclusión dixital, a Xunta conta coa Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica que en 2011 formou a máis de 10.000 usuarios e que este ano triplica a oferta formativa con e duplica a previsión de usuarios.

Administración eficiente e austera

Outro dos eixos de actuación da Axenda Dixital é a inclusión das TIC en todos os ámbitos dos servizos públicos para conseguir unha mellor prestación para os cidadáns e unha administración austera e eficiente.

Nesta liña encaixa a creación este ano da Axencia para a Modernización Tecnolóxica que integrará baixo unha única dirección a 558 tecnólogos da Administración autonómica, suprimindo 15 departamentos administrativos conseguindo un aforro anual de 20 millóns de euros. É o instrumento que vai permitir o desenvolvemento da política tecnolóxica global da Administración autonómica.

Unha estratexia única para Galicia que vai acompañada da posta en marcha este verán do Centro de Proceso de Datos Integral, que consolidará nunha única infraestrutura tecnolóxica todos os CPDs existentes, ofrecendo un servizo centralizado a toda a administración galega e aforrando custos por valor de 3 millóns de euros.

eAdministración

O Plan de Modernización da Administración autonómica está a avanzar para conseguir unha administración máis transparente e aberta aos cidadáns as 24 horas do día os 365 días do ano. Neste sentido a entrada en funcionamento da sede electrónica da Xunta o pasado mes de setembro permite xa aos galegos presentar telemáticamente máis de 300 procedementos, máis do 20% dos dispoñibles. Antes do inicio do Plan só se podían xestionar electrónicamente o 4% dos procedementos.

A posta en marcha da versión electrónica do Diario Oficial de Galiciapermitiu un aforro de máis de 1.100.000 euros desde o inicio do proceso de dixitalización. No 2011 o 25% do total das facturas recibidas na Xunta fíxose de xeito electrónico e 15% dos procesos de licitación realizáronsea través do sistema de licitación electrónica SILEX, que se puxo en marcha o ano pasado.

Por outra banda, xa son preto de 3.000 os empregados públicos acreditados dixitalmente e con sinatura dixital grazas ao Programa Kronos.

Avances na sanidade, na xustiza e na educación

Cómpre destacar os avances da aplicación das medidas da Axenda Dixital en ámbitos de gran repercusión para o cidadán como a educación, a xustiza e a sanidade, onde a implantación da e-receita beneficia xa ao 99% da poboación. En dous anos pasouse dun 15% de receitas dispensadas electrónicamente a un 86% en 2011. Así mesmo, o 100% do persoal médico ten acceso á historia clínica electrónica e o 99% dos centros de saúde teñen implantado os servizos de telemedicina fronte ao 29% de 2009.

No eido educativo, o Proxecto Abalar dixitalizou xa más de 1.400 aulas, case 800 máis que en 2010, e beneficia a máis de 31.600 alumnos. O espazoAbalar consolídase como punto de encontro na Rede de toda a Comunidade educativa con máis de 415.000 visitas, 900 recursos educativos e 340.000 contidos descargados polos usuarios.

No eido xudicial a Xunta investiu a través do Plan Senda 10,3 millóns de euros desde 2009 na mellora e renovación do equipamento e das infraestruturas tecnolóxicas nos órganos xudiciais galegos. Instaláronse preto de 2.000 novos ordenadores nas sedes xudiciais galegas, o que supuxo a renovación do 85% do equipamento ofimático cunha antigüidade superior aos cinco anos.

Dotouse dunha rede de videoconferencias nos órganos xudiciais e 500 licenzas de videoconferencia persoal que dan servizo ao 100% dos órganos preferentes (salas do penal, menores, violencia de xénero e vixilancia penitenciaria).

Economía do Coñecemento

Durante 2010 e 2011 a Xunta desenvolveu distintos programas de axudas para impulsar o sector da economía do coñecemento nos que investiu entre capital público e privado case 205 millóns cos que se subvencionaron máis de 1.400 proxectos de carácter tecnolóxico na Comunidade.

Ademais en 2011 aprobouse a convocatoria do programa FEDER-Innterconecta para fomentar o desenvolvemento de grandes proxectos de I+D+i no eido tecnolóxico, mobilizará un capital de 60 millóns de euros, e as iniciativas Hospital 2050 e Innovasaude con 90 millóns de euros, que permitirán deseñar o hospital do futuro. Activouse ademais o Fondo I2C, un fondo de capital risco específico para empresas de base tecnolóxica dotado con 20 millóns de euros.

En xullo de 2011 púxose en marcha o Centro Demostrador TIC, un punto de encontro entre a oferta do sector tecnolóxico de Galicia e demanda TIC do tecido empresarial galego, no que xa se presentaron 20 solucións tecnolóxicas e máis de 230 profesionais participaron nas súas actividades.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia