Skip to main content

puntoGAL remite a súa candidatura co apoio de máis de 100 socios, 12.000 sinaturas e da AMTEGA

Manuel González, presidente da Asociación, explicou que a ICANN estima un prazo de até 12 meses para avaliar as candidaturas. De superar o exame e entrar na primeira quenda de avaliación, o .gal podería estar na Rede a finais de 2013.

González destacou que este logro será posíbel grazas ao soporte dos máis de 100 socios de puntoGAL , do apoio dos máis de 12.600 internautas que asinaron en liña, da AMTEGA e do traballo desinteresado da directiva. Todos os beneficios que xere no futuro o rexistro de dominios serán reinvestidos en iniciativas que promovan as novas tecnoloxías en galego, segundo figura no proxecto que avaliará a ICANN.
Para que servirá o .gal?

Ademais dos beneficios económicos, o presidente de puntoGAL destacou que o .gal será "un anuncio machacón e perdurábel no tempo que lle recordará a todo o mundo a existencia da comunidade lingüística e cultural galega". Tamén salientou as vantaxes prácticas, como que os contidos en galego serán máis doados de atopar por internautas e buscadores.

"Contamos co apoio absolutamente de todos, isto debe servir de exemplo, cando se fan propostas serias e con espíritu aperturista todas forzas políticas responden", explicou Manuel González, presidente da Asociación, en referencia ao apoio ao puntoGAL do actual e do anterior Goberno Galego.

Máis de 100 organismos de todo o país forman Puntogal. Entre eles están as principais institucións culturais (Real Academia, Consello da Cultura ...), as tres universidades, ducias de asociacións culturais de base, colexios profesionais, medios de comunicación, etc.

González fixo fincapé nos beneficios que suporá o .gal para a emigración, que disporá dun recurso para salientar a súa galeguidade na Rede. En Puntogal participan 20 centros galegos no exterior, baseados noutras autonomías de España, Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Bélxica, A Arxentina, Estados Unidos, O Uruguai e Brasil.

A Xunta destaca o impacto económico e social

No acto tamén participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora da Axencia de Modernización de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira. A responsábel da AMTEGA salientou que o .gal permitirá que a maior parte da repercusión económica do rexistro dun dominio quede en Galicia, reducindo o volume de cartos que agora marcha fóra, por exemplo cando se rexistra un .org ou un .net.

Mar Pereira destacou que para que as empresas que comercialicen na Rede produtos en galego (como tradutores automáticos, medios de comunicación etc) ou relacionados con Galicia (servizos turísticos, produtos culturais, gastronomía, enoloxía etc.) ao facelo a través de .gal poderán destacarlle dende o primeiro momento a proximidade física ao cliente, ou a súa especialización no mercado ou nos produtos galegos. Isto axudará a aumentar os ingresos das empresas que aposten polos produtos en galego ou relacionados coa cultura galega.

Pola súa banda, o responsable da política lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, puxo de manifesto que “acadar o dominio .gal é moi importante para a proxección do galego do mundo, e para seguir gañando espazos de uso da lingua no universo de internet”.

O .cat dá beneficios dende o primeiro ano

Jordi Iparraguirre, director da Fundació puntCAT, explicou que os dominios lingüísticos en internet son un modelo consolidado internacionalmente tras o éxito do .cat. Iparraguirre baseou esta afirmación nos datos de rexistros do identificador para a lingua e a cultura catalás, máis de 55.000 dominios dende a aprobación do .cat na última convocatoria lanzada pola ICANN, en 2006. O responsábel do puntCAT salientou que o .cat comezou a xerar beneficios dende o primeiro trimestre do seu lanzamento.

Relatores de Consello da Cultura, Asociación de Editores e EGANET

No coloquio que pechou a presentación, o director do portal do Consello da Cultura Galega, Manuel Gago, subliñou que o puntoGAL servirá para afianzar a presenza do galego na rede, facendo máis visíbel asemade a existencia dunha industria cultural en galego. En opinión deste expero, en última instancia o .gal pode servir para aumentar a audiencia do sitios en galego, lastrada polos algorítmos de buscadores google. E é que o puntoGAL poderá ser utilizado para realizar buscadores de contidos en galego e outras aplicacións informáticas.
O presidente da Asociación Galega de Editores argumentou que o caracter multilingüístico en internet ofrece oportunidades pero tamén aporta moito rudio sobre a mensaxe. "Esta é razón polo que o dominio .gal pode ser fucral para proxectar, para motivar a ler en galego", explicou Manuel Bragado. O editor e blogueiro asegurou que o dominio pode servir para sinalar o perímetro do mercado cultural galego, "axudando moito a ese dificilísimo traballo que é a proxección internacional dos nosos autores".
Víctor López, presidente da asociación de empresas de internet EGANET , explicou que na actualidade Internet é un mercado virtual enorme, onde o público busca os dous extremos, o macro (o global) e o hiperlocal (os contidos que nos afectan no día a día). López explico como o .gal servirá para achegar estes contidos locais á cidadanía.

Asociación PuntoGal
http://www.puntogal.org, info@puntogal.org, Teléfono: (+34) 670 226268
Rtdo.