Skip to main content

Unha guía promove a cultura xornalística de compromiso cos maiores

A Xunta de Galicia acaba de elaborar a guía de boas prácticas O tratamento das persoas maiores nos medios de comunicación co obxectivo de fomentar unha cultura xornalística de compromiso co envellecemento activo e contribuír á plena integración deste colectivo na sociedade. A guía, elaborada pola Secretaría Xeral de Medios, en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar, no marco do Plan Galego das Persoas Maiores, foi presentada esta mañá polo secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro.

O obxectivo da guía é dar a coñecer a realidade das persoas maiores, vai dirixida especialmente aos profesionais dos medios de comunicación e ínstaos a informar proxectando unha imaxe positiva deste colectivo e a adoptar compromisos para propiciar a súa integración e a súa incorporación nos procesos de participación dunha forma activa e dun xeito normalizado. Ademais, fai fincapé na necesidade de prestar unha singular atención no tratamento informativo ás pautas de estilo e á linguaxe empregada a cotío cando nos referimos ás persoas maiores.

A guía considera que os maiores, ao igual que o resto da sociedade, deben ser tratados sempre desde un enfoque positivo e desde unha autonomía persoal e pretende transmitirlle ao resto da cidadanía o valor e a relevancia que ten este colectivo na sociedade, xa que os maiores son “un referente” e un “modelo de actuación” que fomos incorporando nas nosas vidas, os “únicos transmisores reais” do pasado e os únicos interlocutores entre os seus antepasados e nós.

“Debemos informar sobre as persoas maiores como homes e mulleres activos, reflectindo as súas relacións persoais e sociais, as súas actividades, pensamentos e sentimentos, deixando a un lado estereotipos negativos que afectan á súa imaxe e non se corresponden coa realidade actual”, asegurou o secretario xeral de Medios durante a presentación da guía. Alfonso Cabaleiro remarcou, ademais, que unha sociedade integradora debe apostar por desenvolver , fomentar e difundir un concepto das persoas maiores axustado aos dereitos que lles corresponden como parte integrante da cidadanía, sen discriminación nin desigualdade de trato, por facilitar a súa participación activa en todos os ámbitos e a todos os niveis da sociedade e potenciar a solidariedade interxeracional.

O secretario xeral de Medios non quixo rematar a súa intervención sen lembrar que esta “é unha tarefa de todos”, por iso, dixo, “penso que para conseguir estes obxectivos, as asociacións, federacións, universidades e demais entes implicados no mundo das persoas maiores, deben xuntar esforzos para traballar xuntos, utilizar os distintos medios de comunicación e participar activamente en todos os ámbitos socias de forma normalizada”. “Eu animo a todas estas persoas e entidades a que sigan traballando para abrirse ao seu contorno social e que participen en actividades conxuntas con outros colectivos cunha perspectiva interxeracional onde nenos, mozos, adultos e maiores nos fusionemos e camiñemos xuntos”, concluíu, agradecendo a colaboración de todas as asociacións que participaron na elaboración da guía.

Pola súa banda, o catedrático de Enfermaría Xeriátrica e Xerontolóxica da Universidade de Santiago, José Manuel Mayán Santos, salientou a importancia e a influencia dos medios de comunicación “á hora de crear e visualizar a realidade”. De aí que destaque a necesidade dunha guía coma esta que sirva para “concienciar ao cidadán a través dos medios de comunicación sobre a eliminación dos estereotipos das persoas maiores”. Segundo o profesor Mayán, esta guía “pretende contribuír a que os medios ofrezan unha imaxe máis realista dos noso maiores, e ofrecer unha información más real sobre o envellecemento”. Respecto das persoas maiores, José Manuel Mayán subliñou que se trata dun colectivo “moi sensible, pero, ao mesmo tempo, son un activo social, cultural e económico moi importante”. “Aportan valor ao traballo, substituíndo en moitas ocasións as carencias dun sistema social e económico”, dixo o catedrático.

Recomendacións da guía

A guía presentada, O tratamento das persoas maiores nos medios de comunicación, recolle as seguintes recomendacións.

1.- Abordar a información desde un enfoque contexualizado e desde unha perspectiva integradora e interxeracional, abandonando os estereotipos e os tópicos xeneralizados que inducen a unha imaxe negativa, afastada da heteroxeneidade e pluralidade das persoas maiores.

2.- Aumentar a presenza das persoas maiores nos medios de comunicación como parte activa da sociedade, de cara a promover unha visión normalizada e unha nova cultura na que se facilite a colaboración interxeracional a través da súa participación nos medios.

3.- Ofrecer unha imaxe positiva, diversa e revalorizada das persoas maiores nos medios de comunicación, remarcando os seus valores e subliñando as súas capacidades para desempeñar roles útiles dentro da sociedade, fronte a unha imaxe negativa e degradada que mostra este colectivo como unha carga para a comunidade.

4.- Evitar unha linguaxe pexorativa, paternalista e discriminatoria que contribúe a reforzar os estereotipos sociais sobre as persoas maiores, unificando criterios e empregando unha terminoloxía adecuada, correcta e respectuosa con estas persoas.

5.- Informar transmitindo un envellecemento activo e darlles cabida ás persoas maiores en temas de interese social, potenciando as súas iniciativas e experiencias nas que este colectivo sexa actor principal, capaz de colaborar na construción dunha sociedade para todas as ideas.

6.- Na publicidade, os medios de comunicación promoverán a inclusión das persoas maiores como mulleres e homes con autonomía e activos, contextualizado adecuadamente as circunstancias da noticia sobre a persoa, evitando informacións que buscan o efecto dramático e reproducen tópicos negativos sobre o envellecemento (o envellecemento como irremediable perda de facultades, inevitable soidade, decrepitude, persoas incapaces de aprender, un colectivo improdutivo e inútil...)

7.- Poñer en valor a achega que as persoas maiores realizan no contorno familiar cultural, económico e social, destacar o seu peso como grupo social e estimular a súa participación e compromiso na vida política.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia