Skip to main content

Galicia at Madrid de Cine promove o audiovisual no mercado internacional

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolveu na Casa de Galicia en Madrid o acto Galicia at Madrid de Cine, no marco da VII edición de Madrid de Cine-Spanish Film Screenings. Este evento contribuirá a difundir os filmes galegos dentro dun mercado que está considerado como unha das máis importantes plataformas internacionais para o cinema español. No acto interviñeron o director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Juan Carlos F. Fasero; e o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, na súa calidade de anfitrión. Ademais, asistiu a esta cita a directora xeral do Instituto da Cinematografía e as Artes Audiovisuais (ICAA), Susana de la Sierra.

O acto, inserido no Plan de Internacionalización do Audiovisual Galego que desenvolve Cultura e Educación en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), forma parte dunha serie de actividades paralelas dentro da programación do mercado e convocará a compradores, axentes de vendas e representantes de medios de comunicación nacional e internacional. No evento proxectouse un vídeo coa mostra do cine que se está a facer en Galicia na actualidade e distribuirase entre os profesionais asistentes o catálogo Films from Galicia. Ademais, os produtores galegos, dispoñen dun espazo habilitado na sala para a exhibición e difusión do material promocional dos seus proxectos.

O obxectivo principal desta acción é fomentar as vendas internacionais do noso cinema e dar a coñecer, á prensa internacional especializada, as novidades que serán estreadas proximamente nos seus países.

Fortaleza conxunta do noso cine

O departamento que dirixe Jesús Vázquez Abad estivo representado neste acto polo director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero, que compartiu cos profesionais galegos e axentes comerciais especializados que se deron na Casa de Galicia en Madrid o visionado do vídeo promocional preparado para a ocasión.

Na súa intervención, o director da Agadic salientou a decidida aposta polo cine galego que mantén a Xunta de Galicia a través dos seus diferentes programas de apoio ao sector. Fixo referencia, ademais, á “calidade probada e contrastada” das películas de factoría galega, “como o demostra –engadiu– o extenso palmarés de galardóns que levan colleitado tanto nas categorías relativas aos traballos artísticos como nas de produción”.

O director da Agadic destacou tamén a diversidade e singularidade do cine galego, “tan variado –argumentou- case como cada proxecto ou cada empresa produtora”, ao tempo que defendeu as vantaxes de concorrer de xeito conxunto a iniciativas promocionais deste tipo, “onde se visualiza a fortaleza conxunta da nosa industria e o valor dos profesionais que a integran”, engadiu.

Filmes galegos no mercado

Durante os tres días que dura este evento poderán visionarse nos cines Princesa de Madrid 43 títulos españois entre os que se atopan 5 producións galegas: O Apóstolo (de Artefacto Producciones); Todo es Silencio (dirixida por Jose Luis Cuerda e producida por Milou Films); Copito de nieve (Filmax Galicia); Tralas luces (Tic Tac Producciones); e Dictado (Continental Producciones). Ademais, outro dos filmes que se exhibirán nos screenings será Operación E, un thriller baseado no conflito das FARC en Colombia que ten como protagonista ao actor galego Luis Tosar.

Asemade, é importante destacar que na pasada edición do Madrid de Cine, o Premio FAPAE-Rentrak, que recoñece á película española de maior repercusión internacional, recaeu na produtora galega Vaca Films polo filme Celda 211.

Madrid de Cine é un mercado que promove a Federación de Asociacións de Produtores Españoles (FAPAE) en colaboración co ICAA, o ICEX, a Comunidade de Madrid e EGEDA. É o único encontro deste tipo que se fai agora mesmo en España, no que se dan cita preto de 70 compradores e máis de 24 medios de prensa especializados de ámbito internacional xunto con axentes de venda e produtores dos filmes españois participantes. Neste evento realízanse reunións nas que os produtores presentan novas iniciativas e proxéctanse as películas máis recentes.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia