Skip to main content

Gómez Besteiro e o director de series de éxito Carlos Sedes abren o curso da Escola de Imaxe e Son

O Presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, e o director de series de ficción, Carlos Sedes, abren o curso académico 2012-2013 da Escola de Imaxe e Son de Lugo (EIS), que depende do organismo provincial.

Como xa é tradicional no mes de setembro, no arranque do curso, a Fundación TIC acolle ós representantes do sector audiovisual máis reputados do momento. No inicio oficial do curso 2012-2013, o director coruñes Carlos Sedes achegará ós alumnos da EIS a súas experiencias no ámbito profesional no que desenvolve o seu traballo, o deseño de series de ficción de enorme éxito como: Hispania (Antena 3), Gran Reserva , Guante Blanco e Desaparecida (TVE), ou Padre Casares, Mareas Vivas e Terras de Miranda (TVG), entre outras. A meirande parte dos seus traballos fixéronno acreedor de importantes premios en festivais nacionais e internacionais, como a Medalla de Prata no Festival de New York no 2009, e os de Mellor Director e Mellor Programa de todas as categorías no Seúl Drama Festival de 2008 pola serie Patricia Marcos: Desaparecida. A Academia Galega do Audiovisual tamén o distinguiu cos galardóns ó Mellor Realizador e á Mellor Serie por Padre Casares, As leis de Celavella e Terras de Miranda, entre outras.

Alto grao de inserción laboral

A Fundación TIC ten entre as súas prioridades facilitar a inserción laboral dos alumnos da EIS, que está a ser moi alto tendo en conta o nivel de formación que reciben e a posibilidade de realizar prácticas reais. Na actualidade, a TIC mantén contacto con máis de 70 empresas nacionais do sector multimedia e ten asinados máis de 100 convenios de colaboración con ONGs, asociacións culturais e entidades deportivas para difundir o seu labor mediante a realización de proxectos audiovisuais. Esta liña de colaboración permite que os alumnos e titulados da EIS leven a cabo traballos profesionais, a través dun programa de bolsas, que lles facilitan a súa posterior incorporación ó mercado laboral.

A Escola de Imaxe e Son de Lugo, o único centro educativo da provincia que imparte ensinanzas de formación profesional da familia audiovisual oferta 44 prazas, 22 para cada un dos módulos superiores: Realización e Produción de Audiovisuais. Todas elas quedaron cubertas ó pouco de abrirse o prazo de matrícula, ó igual que ocorreu os catro anos anteriores, e mesmo moita xente quedou en lista de espera, agardando a posibles baixas de última hora.

A Escola ten matrícula gratuíta dende hai cinco anos para todos os alumnos, agás os repetidores, co fin de apoiar un ensino público de calidade e accesible a todos.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo